O neno de barro eríxese, con 16 candidaturas, como a grande finalista nos Premios Mestre Mateo deste ano, seguida moi de preto pola serie A vida por diante, que obtivo 13 nominacións. O filme de Jorge Algora foi nomeado en case todas as categorías ás que se puido presentar, incluída a de mellor longametraxe, onde competirá con Concursante, Hotel Tívoli e Unha muller invisible.
A Academia Audiovisual Galega deu a coñecer hoxe as candidaturas aos galardóns, que se entregarán o vindeiro 15 de abril no Teatro Jofre de Ferrol. A presidenta da Academia, María Bouzas, xa adiantou que este ano se repetirá o circuíto de exhibición das obras finalistas na semana previa á gala, e que pasará por un maior número de localidades.
Filmes destacados
Aos Premios Mestre Mateo 2007 presentáronse un total de 121 traballos de 86 produtoras, fronte aos 123 de 70 empresas da pasada edición, debido a un maior número de coproducións. Pero durante a apertura dos sobres cos nomes dos finalistas, os que máis soaron foron sen dúbida O neno de barro e A vida por diante.
Concursante, a ópera prima de Rodrigo Cortés, levou un total de 8 candidaturas, entre as que se atopa a de mellor película, mellor guión, mellor montaxe, mellor son e mellor dirección. Os actores do filme foron recoñecidos polos seus compañeiros: Leonardo Sbaraglia, como protagonista, e Chete Lera e Luis Zahera, no reparto.
Pola súa banda, Hotel Tívoli, de Antón Reixa, e Unha muller invisible, de Gerardo Herrero, tamén candidatas á mellor longa, só resultaron finalistas en catro e dúas categorías, respectivamente.
Onde van logo o resto dos nomeados? Pois principalmente no eido da televisión, e sobretodo na serie A vida por diante, que levou 13 candidaturas en 11 categorías: mellor serie, dirección de producción, dirección de fotografía, maquillaxe, vestiario, montaxe, son e realización, amais de dúas actrices protagonistas (Belén Constenla e Mela Casal), un actor de reparto (Xavier Deive), e dúas actrices de reparto (María Salgueiro e Olaia Salgado).
Animación, documentais, e máis ficción
No apartado de animación, resultaron finalistas as longametraxes Donkey Xote, Gritos en el pasillo e Nocturna, que vén de ser premiada nos Premios Goya. Nocturna opta ao mellor son, e Donkey Xote, á mellor dirección artística. As curtas de animación serán representadas por O bufón e a infanta, Don Señor e o home do soño, A flor máis grande do mundo e Man.
En canto a documentais, a Academia elixiu Os 15.000 de Newark, Dando a nota, Historia dunha parroquia, Isaac e Tolos por Xapón, e entre as obras experimentais e interactivas foron seleccionadas Ecos, El humanoide e SQR, ademais da multipremiada Cousas do Kulechov, de Susana Rei.
A Academia pon a ollada tamén nas curtas de ficción, e entre elas, en Adeus Edrada, Da man da Raíña Vermella, O hospital e A rosa dos ventos. E premia tamén as mellores obras publicitarias: desta vez, o premio recaerá na campaña MAPIE de Estrella Galicia; en Cores da Rúa; En galego tes todo por dicir, ou en Vivamos como galegos.
Actores
Se algo caracteriza uns premios, é o glamour que desprenden as estrelas. Neste caso, o 'star system' galego estará representado por Leonardo Sbaraglia polo seu papel en Concursante; por Antonio Durán 'Morris' e Federico Pérez, actores de Air Galicia, e por Chete Lera, Daniel Freire e Juan Ciancio, por O neno de barro, todos eles candidatos ao premio ao mellor actor protagonista.
Maribel Verdú será grazas ao seu papel en O neno de barro, a nota exótica nas candidaturas á mellor actriz protagonista, galardón polo que competirá con María Bouzas, nomeada por Unha muller invisible, e con Belén Constenla e Mela Casal, protagonistas de A vida por diante.
Outra das grandes, Mabel Rivera, opta ao premio á mellor actriz de reparto por Hotel Tívoli, xunto a Tamara Canosa (Valderrei) e María Salgueiro e Olaia Salgado (A vida por diante). Competirán polo premio ao mellor actor de reparto Chete Lera e Luís Zahera (Concursante), Abel Ayala (O neno de barro) e Xavier Deive (A vida por diante).
Televisión
A vida por diante lidera as candidaturas televisivas, pero tamén destacan as opcións de Air Galicia, Historias de Galicia, ou A casa de 1907. Air Galicia e Historias de Galicia competirán así polo premio ao mellor guión con O neno de barro e Concursante.
Historias de Galicia comparte candidatura con Historia dunha parroquia, Concursante e O neno de barro no premio á mellor dirección. Air Galicia cóase tamén entre os finalistas á mellor música orixinal, xunto a Historia dunha parroquia, O neno de barro e LT22 Radio La Colifata, con música de Manu Chao.
Ademais de 'invadir' as categorías xerais, os produtos televisivos contan cos seus propios apartados. Así, son candidatos ao premio ao mellor programa de televisión Alalá, Criaturas, Hai que mollarse e Historias de Galicia. O premio á mellor serie será para Air Galicia, E por que?, Linatakalam e A vida por diante. E optan á mellor realización A vida por diante, Historias de Galicia, A casa de 1907 e Hai que mollarse.
Serán galardoados como mellores comunicadores Ana Rodríguez, por Hai debate; Carlos Blanco, por O gran camiño; Maite Cabezas, por A revista fin de semana, ou Xosé Barato por Historias de Galicia.
07/03/2008