O proxecto educativo OLPC, “One Laptop Per Child”, -coñecido comunmente como “ordenador de 100$”- que pretende que cada neno poida acceder a un ordenador e reducir así a fenda dixital, estase atopando con máis atrancos dos que desexarían os seus impulsores.
Nicholas Negroponte, principal impulsor do proxecto, acusa a Intel de vender o seu portátil de baixo custo Classmate por debaixo do prezo de mercado para prexudicar o OLPC, que curiosamente leva procesador AMD, o seu principal rival.
Brasil, un mercado emerxente no que o goberno de Lula parece moi interesado neste tipo de proxectos, é escenario dende hai varios meses da loita por tomar a iniciativa.
Dende que foi anunciado a finais do 2005, o OLPC levantou gran expectación pola optimización de recursos que considera. Cun deseño robusto e ideado para evitar todo gasto superfluo, as críticas chegaron ó anunciar que o prezo sería finalmente de 175$ por unidade -polo menos nunha primeira fase- e que sería compatible coa versión de Windows para mercados emerxentes.Este acordo con Microsoft parecía contradicir o plantexamento orixinal do proxecto, apegado a filosofía do software libre. De feito, o sistema operativo “nativo” do OLPC é Sugar, unha distribución Linux especialmente optimizada para o proxecto.
En todo caso, as primeiras unidades comezaron xa a ser distribuídas, concretamente en Uruguay.
22/05/2007
O “One laptot for children” escríbese "One Laptop Per Child", ou sexa, "un portátil para cada neno".
Aparte diso, coido que Negroponte está a botar balóns fóra, posto que a falta de confianza no seu proxecto xa existía antes da alternativa de Intel. Hai que ter en conta que un ordenador a 176 dólares xa non é un obxectivo tan difícil de acadar con alternativas comerciais (lembremos a lista de Forbes de ordenadores super-baratos).
Graciñas pola corrección, Marcus. As présas son malas conselleiras ;)
O certo é que parece que o OLPC veu con mal de ollo 'de serie', con críticas dende o comezo ("preocuparse de que os nenos teñan un portátil? Non será mellor asegurarse de que teñan comida?").
Sempre me pareceu unha iniciativa loable, pero creo que nunca chegaron a comunicar correctamente os obxectivos e como levala adiante.
A idea parecía mellor hai ano e medio. Hoxe, como ben dis, xa hai alternativas comerciais que poden ser moi válidas tamén...
Juan, non só pode estar mal visto iso de dotar de portátiles ós cativos, senón que podería ser pouco realista. Nalgún lugar sería coma regalarlles un iPod, ou sexa, que ou o venden ós poucos días... ou van quedar sen eles igual, porque llos van roubar. Darlle a un neno un dispositivo de 176 dólares podería incluso ser perigoso para o neno.