Prognóstico reservado (e IV)

As cidades onde máis está en xogo


Etiquetas: Prognóstico reservado, sondaxe, 27-M, eleccións

25/05/2007 - Carlos Neira Cortizas (Santiago)

A Coruña
Vai volver depender o resultado das eleccións n'A Coruña dunha presa de votos? Pois si e non.

En 2003 as enquisas ficaron dinamitadas porque case 1 de cada 4 electores que nas sondaxes declararan ter intención de votar a Francisco Vázquez preferiu aproveitar o día de praia para pegar o calhambeque e ir embora. O que ía ser unha maioría folgadísima para o PSOE ficou así nunha vitoria pírrica.

A diferenza de entón, nestas eleccións o PSOE chega ás urnas cunhas sondaxes en tendencia decrecente, apuntando unha vitoria por escasa marxe onde hai catro anos apuntaban total tranquilidade. Algunha enquisa outsider ten aberto a posibilidade dunha perda da maioría absoluta, así como da improbábel entrada de IU no consistorio coruñés, pero tamén a última das publicadas contempla esta posibilidade dentro dun abano de edís posíbel.

Ademais, n'A Coruña o PP rexístra un comportamento característico que esta forza parece empeñada en repetir cada 4 anos: mudar de candidato, co conseguint efecto nas sondaxes. Primeiro foi Erias, despois Corcoba e agora Negreira. Isto provoca que o electorado popular coruñés pase en cada mandato por dúas etapas diferentes: forte depresión primeiro –que sitúa ao BNG como segunda forza da cidade en expectativas de voto- e forte recuperación posterior conforme se aproximan os comicios –que en 2003 rematou por deixar as posicións como estaban ao principio: PP segundo e BNG terceiro. As sondaxes do último ano debuxan unha forte tendencia alcista do PP, que nas enquisas máis recentes o situarían nas cotas de voto das últimas eleccións.

Todo isto volveu acontecer durante este mandato. Mais desta vez hai unha diferenza se cadra decisiva: Losada non é Vázquez. Tampouco o goberno do Estado ten a mesma cor que cando Aznar visitou a Coruña tras o desastre do Prestige. Quizá agora as fidelidades de voto non sexan as mesmas.

Con todos estes ingredientes, a reedición da maioría parece o escenario máis probable, pero existen moitos factores que poden deparar algunha sorpresa. Quen se atreve a prognosticar o que vai acontecer? Só as coruñesas e os coruñeses. E quizá o tempo.



Vigo
O resultado na cidade da oliveira non está pechado de todo, pero tampouco completamente aberto. As enquisas de algún instituto, cuxos resultados diverxían de todas as demais, apuntaron a posibilidade dunha maioría absoluta do PP de Corina Porro. Isto é posíbel grazas a que os populares de Vigo rexistrarían, a teor das enquisas, un crecemento notable desde 2003, fenómeno este no que si coinciden todas as sondaxes.

Así as cousas, en Vigo asistiremos, con bastante probabilidade, á reedición dun goberno PSOE-BNG, mais en todo caso este goberno contaría cun apoio máis feble que o bipartito que saíu das urnas en 2003 e que pouco despois acabaría por rachar, cando non precisar o apoio dunha terceira forza.

A posibilidade de que Manuel Soto manteña unha vez máis representación na corporación municipal parece máis improbábel do que nunca antes. Porén, e aínda que non todas as enquisas publicaron estimacións para el, o candidato do PG segue estando presente nas preferencias dos vigueses. O comportamento do electorado para coas forzas independentes sempre está suxeito a maiores variacións que as previsións do resto de forzas, e até o último momento non se pode afirmar nada con rotundidade.



Santiago de Compostela

Se comparamos o resultado de 2003 co escenario medio debuxado polas enquisas, verificaremos unhas oscilacións moi leves nas porcentaxes de voto, flutuacións que indican unha tendencia á alza do PSOE, e uns leves retrocesos de PP e BNG. O PSOE gañaría como mínimo un edil, que perderían ou o BNG ou o PP.

Mais a dúbida reside en se Bugallo será quen de sumar outro edil adicional, que lle permita ao PSOE facerse coa maioría absoluta. O dato medio das enquisas nega esta posibilidade, pero a tendencia das sondaxes durante a campaña debuxa unha mellora do PSOE a costa fundamentalmente do PP.

Este comportamento do PSOE en Compostela –unha tendencia crecente en comparación co resultado de 2003 e unha suba das sondaxes durante o mes previo ás eleccións- é o mesmo que experimentou Orozco en Lugo hai 4 anos.

Que vai acontecer finalmente? De aquí ao 27M o electorado terá a última palabra.



Ourense
E así chegamos ao resultado a priori máis impredicíbel, se das enquisas nos fiamos. Hai división de resultados: practicamente a metade presentan unha perda da maioría absoluta por parte do PP, e a outra metade describen un escenario de continuidade.

Independentemente de cal sexa o desenlace crucial destas eleccións, as tendencias presentan un lixeiro avance do PSOE e un lixeiro descenso do PP, con estabilidade para o BNG na segunda praza. Nacionalistas e socialistas recibirían en calquera caso un monto de votos moi semellante, cunha lixeira vantaxe para a forza do candidato Sánchez-Vidal.

As enquisas tamén reflicten unha pequena porcentaxe de voto para outras forzas, fenómeno que vén sendo habitual en Ourense en todas as eleccións, pero case ningunha enquisa considera a posibilidade de que obteñan representación.

Se as enquisas volven ser tan certeiras como foron en 2003 as que se publicaron na última semana da campaña, deberíamos postular unha reedición da maioría do PP, xa que as últimas enquisas mostran un afianzamento do voto popular e unha contención ou retroceso do crecemento por parte do PSdeG. Mais en Ourense estas flutuacións das enquisas en campaña non parecen ter tanta transcendencia como noutras situacións noutras cidades. Así que todo fica no ar para o 27M.

 

5'0 (2 votos)

Para valorar comentarios debes estar registrado.


Acceder Crear usuario

No puedes valorar tus propios comentarios.



Ya has valorado este comentario



¿Comentas?

Serán borrados los comentarios que contengan insultos y/o contenidos inadecuados.
Para cualquier duda, consulta la guía de comentarios.


Acceder Crear usuario

Puedes comentar sin tener que crear un usuario, pero es recomendable si quieres acceder a todas las funcionalidades de los comentarios (votaciones, karma, foto personalizada)





captcha

Cambiar por outro


Un poco de HTML está bien
Puedes usar algunas etiquetas HTML <a></a>, <b></b>, <s></s>, <u></u>, <i></i>