Carlos Pajares Vales (Madrid 1945), ex rector da Universidade de Santiago, doutor en Física e catedrático da institución académica compostelá, vén de ser recoñecido co Premio Galicia de Investigación polos seus estudos sobre a orixe e a composición do Universo. Trátase do galardón máis importante co que se recompensa na comunidade autónoma unha traxectoria investigadora. A entrega terá lugar o próximo 27 de maio, nunha gala na que agradecerá o traballo feito polos seus colaboradores nesta gran área de coñecemento que é a que mellor está en índice de impacto en Galicia, comparada coa media mundial.
PREGUNTA: Acaban de concederlle o Premio Galicia de Investigación, o máis importante co que se recoñece unha traxectoria investigadora, que supón para vostede?
RESPOSTA: É un premio prestixioso, dado pola Consellería de Innovación e Industria. No xurado, ademais de xente nomeada polos vicerreitorados de Investigación había dos Premios Príncipe de Asturias e un premio americano moi importante. É, polo tanto, un xurado prestixioso e un un premio prestixioso. Eu partín de cero da física de partículas en Santiago, que é a miña especialidade, e acertei cun conxunto de mozos, que agora non o son tanto. E vexo que son mellores que eu e están sendo unha referencia internacional de primera orde e chámanos de todos os sitios.
P: Hai fuga de cerebros?
R: Sobre iso habería que decir, primeiro, que o que hai que estar é na pomada da comunidade internacional, para o que é condición sine qua non, saír, neste e eu creo que en todos os departamentos. Se un fai a tese porque ten ideas, moi ben, pero despois diso un debería estar, como mínimo, dous ou tres anos no estranxeiro. Un mozo que remata a súa licenciatura ou incluso a tese e pensa que por iso debe ter un posto fixo, para min perde todo. Outra cousa é que o sistema tecnolóxico e científico de Galicia e de España deba crear oportunidades para que estes que se van, que é moi bo que o fagan, despois poidan volver. Pero iso de pensar nun posto fixo nada máis rematar a carreira é dun gran conservadurismo e fóra non pasa en ningunha parte.
P: Como pode resumir o seu traballo estes anos de xeito que o entenda todo o mundo?
R: Esencialmente, intento contestar a dúas preguntas. Unha, de que están feitas as cousas. Primeiro de moléculas, despois átomos, logo núcleos, máis os núcleos de protóns e neutróns e os quarks. E doutra banda, cal é evolución do universo, que vai do máis pequeno ao máis grande. Ao principio sería unha sopa de quarks, como se pode dicir graficamente, unha pota moi quente, que na medida que se vai facendo máis grande se vai enfriando e van saíndo dos quarks os núcleos e despois os átomos, as moléculas... Ao que eu me adico é a estudar ese proceso. Pero iso significa estudar como se forma a materia desde o principio. Son teórico, pero estou en intereacción cos experimentais que intentan reproducir iso nos aceleradores. Na experiencia coa que estou relacionado traballamos máis de mil científicos pertencentes a cen institucións. En resumen, A materia usual tan só é un 4% do total do universo e o que queremos é averiguar o 96% restante, xa que non entendemos a natureza desa materia e desa enerxía.
A segregación da Universidade de Santiago
P: Na súa etapa como reitor produciuse a segregación da Universidade de Santiago, ¿cal é a visión que ten do proceso case dúas décadas despois?
R: Foi un proceso racional no que se chegou ao consenso. A etapa de rector foi de moito traballo e moi dura tamén, pero tiña unha intención clara, abrir e modernizar a universidade, que estaba moi anquilosada, xa que viña dunha etapa na que España e Galicia estiveron moi illadas en ideas de ciencia e de abrirse ao exterior. Había que facer moitas accións, algunhas de xestión, que se levaba con papel e lapis. Eu informaticei a universidade, entre outras cousas. A xente tamén comezou a saír, e iniciouse o programa Erasmus. Era unha etapa de crecemento e neses seis anos fixéronse 20 edificios. Pero o máis importante é a elección das persoas cando un centro inicia a actividade, e así, por exemplo, estou moi contento co que se fixo con Veterinaria, con dúas persoas que foron claves, Ignacio Salazar e Felipe de la Cruz. Esta facultade ten agora equipos de primeira fila.
P: Económicamente como se funcionaba?
R: Ben, por entón tamén se fixeron dúas cousas. Unha, as transferencias de universidades do Goberno central e logo a configuración en tres universidades. Para quen se cuestionou e se cuestiona aínda se iso non foi unha desmembración, direi que a resposta é que me preguntei como se podería dar mellor docencia e investigación para os 100.000 estudantes que ía haber no ano 2000, nunha universidade única, con sete campus ou en tres actividades que fosen dun tamaño racional, intentando que en todos os sitios se fixera investigación. O modelo máis axeitado era o último.
O financiamento dos equipos de investigación
P: Do previsto quedou algo por facer?
R: En xeral estou contento co desenvolvemento. É certo que houbo algunha duplicación innecesaria pero, en xeral, estivo ben. Gustaríame que o pulo da investigación que se está dando nos últimos catro anos se tivese producido xa con anterioridade e que se axudase aos equipos competitivos moito máis, como se está facendo agora.
P: En materia de financiación, as cousas cambiaron moito?
R: Aproveitouse o momento de pasar a ter tres universidades para darlle un pulo á financiación. Neste tema, actualmente, habería que ir a non dar café para todos. Na universidade hay de todo, equipos moi competitivos que están na comunidade internacional e que producen ciencia de primera calidade, que tamén están relacionados coas empresas e que poden ser un 30% do total. E logo hai outro 30% de grupos investigadores que non a rasca ou, si se quere, que non fan absolutamente nada neste terreo. Non pode un dar recursos humáns a departamentos que están nese grupo que non funciona, porque van a seguir sen funcionar. Non se debe dar un tratamento por igual non só a cada universidade, senón dentro de cada universidade.
''A universidade ten que interaccionar coa sociedade''
P: Do campus de Lugo dise que apostou pola especialización e que é agora o primeiro non principal de Galicia...
P: Penso que o campus de Lugo, xustamente por esa especialización que se fixo, é exemplar. Hai una calidade docente e investigadora, sobre todo esta última, e serviu de transformación da cidade e tamén do entorno. E dicir, que interaccionou moito coa sociedade na súa especificade, gandeira e agrícola.
P: Que visión ten doutros campus como os de Pontevedra, Ferrol ou Ourense?
R: En Pontevedra o numero de estudantes non vai medrar, senón todo o contrario. Iso quere dicir que as titulacións non van aumentar e o que hai que ver é a relación dos departamentos coa actividade investigadora. Creo que é o que se debe potenciar. En Ferrol e Ourense pasa algo parecido, está baixando o número de estudantes e o que se terá que ver é como interaccionar. En Ourense está o parque Científico Tecnolóxico e haberá que determinar como se relaciona cos departamentos universitarios, porque as titulacións é evidente que non van aumentar.
20/04/2008
Estamos conseguindo que ata os investigadores estean a desenvolver o xen funcionario