Blog |

Sensibilidade polo civil

A xente é forte para ferir, feble para ser ferida. Danlle voltas e acusan ou indígnanse. Poden pasar meses acusando a Carlos Santiago sen telo escoitado primeiro e o curioso de todo é que se consideren atacados, pero non recoñezan o que fan como outro ataque. Un ataque desproporcionado para un asunto de facer humor sobre segundo que argumentos

Side Show.
photo_camera Side Show.

DEBERÍA chamarnos a atención o uso fraudulento da palabra sensibilidade. Esa palabra utilizada como marca de ferida ou como argumento previo a desencadear unha violencia pouco sensible. Esa palabra utilizada como desculpa: feriron a miña sensibilidade e xa podo eu desafogarme sen ter en conta a existencia doutras sensibilidades. As viaxes sensibles van case sempre na mesma dirección: unha na que unha serie de colectivos se arrogan o monopolio de ser feridos, o monopolio de semellar vítimas tres segundos antes de converterse en verdugos clase alta. Convencidos de saber, convencidos do seu papel. Convencidos de ser e estar no correcto. Pero se son tan, tan... terán que ter algún defecto.

A primeira mostra de sensibilidade sería recoñecer que hai outras. Non teño o don de crer pero esta carencia non me impide ter sensibilidade polo civil. Que aínda non tendo corazón tripeiro hai que cousas que me molestan e algunhas delas merecen un exercicio de certa hipérbole como para dicir que alteran as miñas conviccións e que, polo tanto, feren a miña sensibilidade. Que si, que é civil, que é laica, pero que non por iso merece ser desprezada como menor. Hai algunhas hipocrisías que me resultan moi molestas e tamén me molestan as manifestacións dalgunhas crenzas que teñen como argumento fundamental invalidar as miñas non crenzas. Non é cousa converter estas molestias en asuntos públicos ou facer delas fe de vida. Pero chegado a esta altura podo dicir que me fire na sensibilidade que repartan tanta cera con Carlos Santiago por un pregón do que non escoitei dicir se era bo ou malo desde o punto de vista do Entroido ou desde o punto de vista do espectáculo, que tamén me valería para discutir.

Tamén me resultan molestas as sobre actuacións con dedos acusadores porque están fóra da razón e, se me apuran, tamén da misericordia. E están moi lonxe daquela idea que escoitei nunha misa antes de ser expulsado do colexio sobre a necesidade de poñer a outra meixela. Son cousas ferintes para a miña sensibilidade civil e por iso me sorprende o rebumbio de sentirse asaltados por un cómico no medio do Entroido. Porque poderíamos ter acusado a Carlos Santiago de ser demasiado tradicional e facer humor cos mesmos materiais que alimentan o Entroido desde o momento en que foi fundado. E daría para falar se o carnaval merece este ou aquel humor.

Porque as sensibilidades son variadas e polo visto estamos todos de acordo en que hai que protexelas. Eu vou pedir que se protexan as sensibilidades civís en xeral e a miña en particular porque non teño tanta como para non ser considerada unha especie en extinción. Vou pedilo a cada vez e por cada cousa. Facendo ruído e facendo do ataque unha forma de defensa. Porque para ferir todos somos fortes.

Comentarios