Blog | O voo da curuxa

Información sen coñecemento

AFIRMAR QUE  vivimos na "era da información" ou "todo está en internet", ademais de obvio, é unha cantilena que, reiterada indiscriminadamente, acaba por esvaecer o seu sentido e as consecuencias que dela se derivan. Emprégase como recurso explicativo e como xustificación e aceptación dunha realidade cuxo control se nos escapa. Opera como un esconxuro que repetido invoca ese poder difuso e invisible, esa divindade actualizada e tecnolóxica, para que evite a nosa exclusión e nos permita recoller as faragullas sobrantes do seu poder universal. 

Pero o exorcismo esíxenos facer tabula rasa da historia da humanidade, como se a sociedade da información fose o esperado milagre do presente a cambio de renunciar ao pasado por inútil e cavernícola. Se non queremos quedar varados nese estado estamos obrigados a participar do que, esta vez si, permitirá asentarnos na «nova e definitiva modernidade» sen ter que interrogarnos sobre a realidade nin sobre nos mesmos, pasivos, robotizados e sen saír de casa. 

Esta distorsión supersticiosa da realidade non deixa de ser unha manifestación máis da ignorancia inducida desde o poder, unha constante que se repite con distintos matices desde tempo inmemorial. 

Aínda que o incremento e acumulación expoñencial do coñecemento nas últimas décadas teñen unha repercusión extraordinaria en todos os ámbitos, deixarnos aparvar polo triunfalismo sen reparar no seu asimétrico reparto social, ten hoxe nefastas consecuencias, tendendo a agravarse no futuro. 

En relación co problema, o historiador Peter Burke alerta dalgúns perigos que nos invaden: confusión frecuente entre información  e coñecemento, tendencia imparable á especialización e control do coñecemento polo poder. 

Se hai un perigo transversal aos demais e do que todos derivan é precisamente o do control do coñecemento polas elites. Con esta perspectiva adquire sentido reflexionar sobre esas confusións que se van asentando firmemente hoxe en día, tales como as da familiaridade, opinión e propaganda respectivamente coa información e a de esta co coñecemento. 

Neuroloxicamente parece impoñerse a miseria cognitiva, é dicir, o noso cerebro, por economía de medios, actúa aínda que teñamos unha información incompleta, nesgada ou falsa da situación á que temos que responder. Isto explicaría que creamos que o que nos resulta familiar é o real. 

Para acadar o coñecemento é imprescindible que o pensamento procese a información recibida, o que resulta materialmente imposible xa que só dispoñemos dunha pseudoinformación que devén facilmente en propaganda, opinión sen fundamento e desinformación sen máis.

Aínda que a información fora tal, se non somos capaces de comprendela (seleccionar, organizar, relacionar e valorar criticamente a mesma), non podemos desembocar no coñecemento. Chegar a el, aínda que sexan moitos os que poden acceder a algún xeito de información, tórnase tarefa irrealizable para a maioría . 

O problema fundamental estriba en que todos os límites son moi imprecisos e resulta fácil deslizarnos cara á ignorancia. Robert Proctor, lúcido historiador da ciencia, patentou o termo agnotoloxía para describir o estudo argumentado polo miúdo da existencia dunha industria para a creación deliberada da ignorancia, unha tecnoloxía da desinformación, engadiría eu. 

Abonda con observar como os que aspiran a monopolizar o coñecemento como a expresión máis eficazmente expansiva de poder, coa colaboración dos medios de (in)comunicación masiva (os instrumentos que máis inciden cognitivamente na sociedade), poñen en marcha o seu férreo control planificado da información. 

Así, emiten unha cantidade tal de mensaxes que desencadean unha sobrecarga de información (errónea, fragmentaria, irrelevante e inútil as máis das veces), que non só provoca que confundamos o que resulta familiar co real senón que nos intoxica de tal maneira que nos aboca a abandonar a idea de depurala e procesala criticamente para transformala en coñecemento. Incapaces de facernos as máis elementais preguntas sobre a información en si, sobre quen a produce e con que intención o fai, a propaganda circula sen obstáculos arrastrándonos inevitablemente ata acabar atrapados na rede da ignorancia. 

Entón, vagamos perdidos nesa nebulosa de ignorancia coa viciosa ousadía dos que cren estar en posesión da verdade. Esta inhabilitación nosa para o coñecemento confirma o éxito da operación emprendida e converte a anhelada sabedoría nunha quimera.


Por Gonzalo Pérez López
Grupo Doxa de Filosofía

Comentarios