Opinión

A campo aberto

Ánxel Fole estaba na redacción de El Progreso. O recendo vivo a tinta subía desde a rotativa. O autor lucense estaba lendo o exemplar recén forneado. De súpeto, empezou a rir; fortemente, a gargalladas. A cinza do seu cigarro, que era un verme gris inclinado, caeu coa sacudida. "Pero qué tolos están!".
Ánxel Fole, fotografiado en A Gañidoira. EP
photo_camera Ánxel Fole, fotografiado en A Gañidoira. EP

Fole viña de ler que a Asociación de Escritores en Lingua Galega o propuxera como candidato ao Premio Nobel. Sorprendeuno por desmedido. El xa non era o rapaz que lía os clásicos e xuntaban amigos con ambicións de ser escritores, músicos e pintores no xardín da casa, onde se. Era un home maior, encorvado, cos dedos amarelos de fumar, preocupado polas varias páxinas de xornal que debían encher cada día e interesado no conto contado, no relato popular.  A súa vida foi unha viaxe do internacionalismo de base urbana ao campo, cun regreso á cidade que foi corporal unicamente. De ser fillo da burguesía a ser feliz nas tabernas, do centro á periferia e da elite ao popular.

Nos anos 70, o escritor entraba na redacción de El Progreso cun sombreiro de palla e un bastón colgándolle do brazo a xeito dun vello amor. Empezara a colaborar en novembro de 1928 cunha exaltación de Góngora, a quen el vinculaba coa actualidade literaria do momento. Relacionaba ao poeta do Século de Ouro cos novísimos e incomprendidísimos García Lorca, Gerardo Diego e Rafael Alberti.

Aqueles amigos do xardín doméstico, que o foron para toda a vida pois era de afectos sólidos,  colaborarían con el anos máis tarde, en 1932, empuxados polo  entusiasmo foleaono para fundar a revista Yunque, co lema de Periódico de vangarda politica. O director imprímiulle un aire esquerdista no contido e avanzado no deseño. Estaban ben relacionados. Lograron que Lorca lles cedese un dos seis poemas en galego. Madrigal á cibdá de Santiago, para dalo a coñecer.

Ánxel Fole
Ánxel Fole

O bisavó paterno, Juan, tiña propiedades en toda Galicia. O seu pai, Reinaldo era un avogado e político que ocupara a alcaldía de Lugo. Reinaldo mandara construír un caserón aproveitando o solar dunha vella torre sobre o río Miño, nas aforas de Lugo. O escritor nacera en 1903 no centro da cidade, trasladouse a ese caserón, onde viviu ata os oito anos. Despois, os oito irmáns de dous matrimonios, volveron ao casco urbano. Fole nunca presumiu do pasado nobre, bromeaba con outro impostado de apelido Folc, orixinario dunha antiga estirpe nobiliaria polaca. Unha vez preguntáronlle polo seu país favorito; non elixiu Polonia, nin sequera Galicia: "O campo", asegurou.

No instituto faise amigo de Álvaro Cunqueiro, un mozo longo e delgado que chegara de Mondoñedo. Ambos elaboran unha revista escolar da que toda a noticia procede do fantasioso Fole. Esa relación continuaría en Santiago e duraría ata a morte de Cunqueiro.

Esa apertura que experimentara en Lugo ampliouna ao chegar en 1929 a Santiago, onde permanecería catro anos. Estudou Filosofía e Letras, sen chegar a rematala porque se interesou máis pola vida sen tensións e por iniciar unha carreira literaria a través dos periódicos, coas primeiras colaboracións en prensa. Nos cafés Suizo e Derby retoma as conversas con Cunqueiro e prende outras con Rafael Dieste, Luis Seoane ou Francisco Fernández del Riego.
Saben divertirse. Forman o Clan dos Nerunderem.

—Iso foi unha cousa que inventou Domingo García Sabell. Era un grupo simpático e un tanto informal. Cousas de estudantes. Non faciamos nada especial. Un día gastámoslle unha broma a un cura, por exemplo. Pero máis ca nada o que faciamos eran tertulias, no reservado do Café Suízo, que daba á Rúa Nova. Nalgunha ocasión pasaron por ela personaxes importantes, como Ramón Gómez de la Serna, que viñera dar unha conferencia ó Pavillón da Ferradura e que andaba cun cazabolboretas.

Neses anos España celebra a Segunda República. Ao tempo medra o movemento nacionalista. Fole afíliase ao Partido Galeguista en 1935. Comeza unha intensa actividade política. Duraría un ano. Tras o golpe militar sente medo. Nunca superou o pánico a ser paseado polos franquistas. Nos anos 60 estaba un novembro na redacción de El Progreso cando viu un coche oficial que paraba diante. Chovía arreo. A cola da tarde era a boca da noite. Un chófer baixou, abriu un paraugas e cubriu a un militar que baixaba para que cruzase ata o diario sen mollarse. O militar preguntou por él na porta. Subiu onda o escritor. Entregoulle un comunicado que debería publicar. Pero Fole tiña o pavor tan calados nos ósos que tardou en reaccionar.

Durante a Guerra Civil pasaba a durmir na casa do poeta Luis Pimentel. Cada noite chegan noticias de amigos fusilados ou encarcerados. 

Anos máis tarde, Fole e Pimentel contiuaron sendo amigos. Pasados a angustia e a miseria, o xornalista divertía facendo bromas ao médico, tan grave como serio. Unha vez contoulle que lle podía ler o pensamento. Poñía o dedo índice –o cigarro entre os dedos– na fronte pálida de Luis Pimentel. Pechaba os ollos.
—Luis, Luis, Luis... Empezo a sentir as túas ondas cerebrais... xa me chegan... vexo un xogo... billetes... Estás pensando en lotería!
Pimentel poñíase nervioso:
—Pois, non, Ánxel. Era outra cousa, outra cousa. Era un poema...
—Ah, Luis! Es un vello raposo! Non me enganas! Pensabas en lotería!

Pero a Guerra do 36 deixara marcado a Ánxel Fole. Salva a circulación do sangue, pero perde a situacíón social. Pasa de ser profesor nunha academia e axudante de bibliotecario a desaparecer na Veiguiña, un lugar do municipio de Quiroga, ao sur da provincia de Lugo. Sigue dando clases a rapaces, desta volta a fillos dunha familia pudente de Lugo que busca un alivio ao espanto dos anos posteriores ao conflito.

Nese ámbito de soutos, lobos, aparecidos e verdor Fole descubre a esencia de Galicia e, como consecuencia, a esencia da súa literatura. Móvese entre Quiroga e O Incio, onde a paisaxe invade os ollos. Dese tempo, desas conversas, dese contacto co inmaterial, nacen os seus libros Á lus do candil (1953) e Terra brava (1955). O primeiro libro pásallo a máquina o expeditivo Fernández del Riego. En canto o segundo, ao coidado de Ramón Piñeiro, é laborioso. Fole bota tempadas en Santiago, na casa do amigo para preparar os textos. Autor e mecanografador botan mañás completas discutindo sobre unha palabra. Piñeiro era de Láncara, non moi lonxe de Quiroga e O Incio. As variacións de vocabulario non serían drásticas, pero si importantes para ambos.

A mediados dos anos 50 Fole regresa ás tertulias e aos amigos de Lugo. A súa visión xa é outra. Ser moderno consiste en saber mirar ao corazón do teu país. El Progreso retómao como firma en 1957, aínda que o volume de traballo é tan inxente que usa varios seudónimos, entre os que prefire o de Neumandro.  A cantidade de páxinas que escribe fai sospeitar aos compañeiros máis novos. Escribe a máquina encarado con algún xornal ante el:
—Pero, don Ánxel, xa está copiando?
O escritor érguese da cadeira. Está enfurecido pola sospeita.
—Por favor, que burro é vostede! Estou documentándome!

O seu labor continuado na literatura é recoñecido en 1963 co ingreso na Real Academia Galega. Fala sobre Castelao e a tradición galeguista.

Nunca deixa de impulsar a cultura. En maio de 1970 funda o suplemento de cultura Táboa Redonda neste xornal cunha concepción que presta espazo a novos escritores, como Darío Xohán Cabana ou Miguel Anxo Fernán Vello, e aos movementos internacionais en todas as artes.

O contista pecha o seu círculo en 1981, cinco anos antes de morrer. Recompila cincuenta anos de artigos sobre a cidade na que nacera, hai agora 120 anos, en Cartafolio de Lugo.

Comentarios