Opinión

O fillo da florista calza zapatiños

Galicia tivo os seus dandis, pero non abundaron os dandis que escribisen. Tivemos a Blanco Amor, elegante de armario e folio. O seu exceso de bonhomía era incompatible co cinismo elegante dos malvados. Esas virtudes eran propias de César González Ruano, sobre quen Javier Varela publica La vida deprisa.

EDUARDO BLANCO Amor (1897-1979) foi recibido cun pregón  dirixido a el cando volveu a Ourense en 1928 dende Arxentina: "Chegou o Eduardiño, o fillo da florista, e vén feito un cabaleiro con zapatiños de puta". Aurora Amor era a florista que tiña o comercio na rúa Juan de Austria. O seu segundo marido, Víctor Blanco, foi un mozo que se criara na inclusa de  Astorga. Deixounos cando o cativo tiña só tres anos. Non foi menos vergoñento o sucedido no seu segundo regreso á cidade dende o exilio, en 1965. O escultor Arturo Baltar lembraba que "el ía moito pola praza de abastos. Un tipo parouno na alameda para dicirlle maricón. Eduardo díxolle envexoso". Foi o escritor galego máis elegante, na prosa e no traxe branco.

César González Ruano /WIKIPEDIA
César González Ruano. WIKIPEDIA

Cando era un neno pobre que medraba enchendo xarras de auga no café La Unión aprendeu a ser distinguido coa chaqueta branca que vestía por uniforme. Gañou cultura escoitando aos tertulianos e lendo de prestado a Mallarmé, Rimbaud ou D'Annunzio. A xastrería, a biblioteca e o galego foron as súas tres armas. Unha vez deu unha conferencia sobre Rosalía nun centro galego de Arxentina. Houbo protestas polo idioma:

—¿Pero quién te crees para hablarnos en gallego? ¡No somos bestias!

Volvo sobre César González Ruano (Cuenca 1903-Madrid 1965). Poden engadirlle un guión entre os apelidos. El fíxoo para outorgarse un título nobiliario, xa que se lle negaba o de marqués de Cagigal. Foi a pluma de pavo real máis brillante da ditadura franquista. Ruano (Madrid, 1903-1965) chamaba aos cafes preguntando por si mesmo cando era un descoñecido. Con 19 anos presentouse no Ateneo de Madrid ataviado cun chaleco de muller amarelo chillón e o pelo tinguido de louro para manifestar que Cervantes, "como era manco, escribía con los pies".

Os amigos de Ruano acusábano de "pouco fiable", un extremo que os seus inimigos confirmaban avisando de que un periodista "comprable". Como correspondente do ABC en Berlín foi testemuña da Noite dos Cristais Rotos e leu na prensa o decreto das leis que prohibía os matrimonios mixtos con xudeus. Deixou cápsulas de antisemitismo nos artigos, pois sempre camiñou ao paso que marcaba a súa época.

Ao longo da súa traxectoria, escribiu uns 30.000 artigos, crónicas e entrevistas nun oficio que definía, non sen vulgaridade, como "tocarlles os collóns aos anxos". Hai uns anos saíra O marqués e a esvástica. César González-Ruano e os xudeus no París ocupado (Anagrama) de Rosa Salga Rose e Plácid García-Planas. Chegara a París dende Berlín xunto coa súa muller e o seu fillo. Ao igual que facía o pai do premio Nobel Patrick Modiano, traficaba con xoias e cadros no mercado negro da capital francesa. Albert Modiano non era antisemita, porque el mesmo era un sefardí da Toscana. O seu fillo narra en Pedigree de cando a cidade estaba ocupada polos nazis e o pai, que tiña unha perfumería, ignorou a obriga de identificarse coma xudeu coa estrela amarela. Nunca precisou de levala porque surtía de estraperlo á Gestapo.

Eduardo Haro Tecglen contaba de cando a Gestapo, que encarcerara a Ruano durante 78 días, soltouno. O comandante que lle abriu a porta espetoulle:

—Ten vostede razón, señor Ruano; non é un inimigo de Alemaña, é un estafador.

O marqués e a esvástica faise eco das rexoubas, nunca probadas, de que preparaba salvocondutos para que os xudeus que fuxían desesperados dos nazis chegasen a España. Haro Tecglen sostiña que os papeis eran falsos e el era consciente. Buscaría asegurarse de que os xudeus non volverían. Entre 1940 e 1943, Ruano mantiña abertas tres casas no París ocupado. Cando menos unha delas pertencera a un xudeu fuxido ao que desvalixou. O seu fillo César González-Ruano Navascués desmentiu a Haro Tecglen nunha carta aberta e indignada. 

—El señor Haro está en su perfecto derecho a que no le guste César González-Ruano y a criticarle, ya que mi padre fue una figura pública. Lo que ya no veo tan razonable es que en su crítica incluya como ciertos hechos que dice que le contaron, que sus familiares sabemos que nunca sucedieron y que, por lo tanto, no puede aprobar en absoluto.

Polo que el sabía, Ruano convidaba a paellas aos surrealistas de París e estaba lonxe de ser o falso agregado da embaixada española en París que expedía permisos aos xudeus, que, días despois, acababan fusilados en Andorra.

Un dos escapados denunciou sen consecuencias a Ruano. Era un enxeñeiro químico o que uns anarquistas atoparon ferido preto de Andorra A Vella. A información procedía á súa vez de Manuel Huet Piera, impulsor dun grupo de acción directa da CNT e pasador de fuxitivos na fronteira franco-española. Pero trátase só de testemuños.
Nesa mesma liña de investigación, os autores descubriron unha declaración asinada polo doutor Wissman da embaixada alemá en Francia na que o describe así: "Vivía do trapicheo no mercado negro, do proxenitismo e do tráfico de salvocondutos".

Casado e divorciado na España da República, paseou pola Europa dominada polo fascismo con Mary de Navascués, coa que tivo catro fillos. O golpe de 1936 sorprendeuno en Roma onde fora como correspondente de ABC. Daquela xa era un dandi: zapatos de crocodilo, gravatas de seda, chaleco inglés e bigote engominado.  O seu campo de batalla eran o dandismo, o decadentismo, Villiers de L'Isle, Sade, Wilde, os malditos e o spleen.

A policía de Mussolini púxoo baixo sospeita, os alemáns expulsárono de Berlín e, mal pagador ata o final, non fixo efectivas nin as cotas de Falanxe da que posuía o carné número 4 nin os emolumentos do médico alemán que axudou ao nacemento do seu primeiro fillo. O único a quen non debía cartos era a Alfonso XIII, de quen esperaba obter o título de marqués de Cagigal.

O profesor de Historia do Pensamento Político Javier Varela volve escribir sobre este personaxe escondido na néboa. Como advertía propio César González-Ruano: "La verdad, la verdad pura, apenas sirve para nada".

Francisco Umbral, que lle imitou dende a greguería ata a melena, acusa a Ruano de non ter estilo. "El problema de César, el único o el primer problema, es que se trata de un escritor sin género, como Pla en Cataluña, como Voltaire. En Francia se entiende y respeta al hombre de letras que, sin hacer nada concreto, lo hace todo y lo suele hacer bien. César era la pura y lírica indisciplina, sólo disciplinada ejemplarmente por el periodismo, de modo que nunca se ocupó en serio de buscarse un género, y de ahí que quede disperso en libro, sólo logradísimo en memorias y diarios íntimos", escribiu.

Eu atopo unha vontade de prosa moi española en Ruano, nese barroco de pan de oro baleiro por dentro. Teño a súa biografía de Baudelaire na vella colección da colección Austral de Espasa Calpe. Fala sobre o poeta francés cando acaba de atopar unha casa no corazón de Saint Germain. "Mira con ojos, no ya de poeta, sino de inquilino, el cielo, que no es el cielo de París, el cielo de Saint Germain, el cielo propiedad de la casa, porque en suma no es más que un patio invertido, el patio a donde van a estrellarse los sueños suicidas".

Comentarios