Opinión

Ser ou estar como director de Galaxia

Francisco Castro publicou unha fotografía rede o martes, ao día seguinte de renunciar como director da editorial Galaxia. Vese un sofá. Hai unha guitarra eléctrica apoiada, outras dúas en soportes e un bafle para amplificar o son. O texto da foto é unha esperanza: "Día 1. Sempre hai un horizonte".
Francisco Castro. AEP
photo_camera Francisco Castro. AEP

Francisco Castro entrara hai quince anos en Galaxia. Entre as súas funcións estaba o pulo da editorial nas redes. Víctor Freixanes, director da Real Academia Galega, era daquela o responsable da editora. En 2016 cedeu o posto.

Nestes sete anos mantivo unha actividade constante e ampla nas súas redes para dar a coñecer os libros que publicaba, as traducións que lle facían a outras linguas, o proceso de composición do primeiro disco (Agora é o tempo), o amor inesgotable pola tamén escritora Inma López Silva e as súas posicións políticas. Francisco Castro, como particular, é libre de escribir, ser traducido, proclamar que quere unha muller, escibir un ensaio sobre feminismo, emular a John Lennon e mirar mal a Vox. Pero durante estes sete anos pasados Francisco Castro é director xeral de Galaxia. 

Non lles vou recordar a importancia desa editora na cultura e na política dese país. Cando un senta nun dos despachos máis importantes de Galicia debe evitar mirar pola ventá e concentrarse en que a súa responsabilidade pertence a unha estirpe de 73 anos. Os libros propios, o amor,a música e a ideoloxía quedan na casa cando saes pola mañá.

A maioría dos editores que tamén son escritores evitan publicarse na súa empresa. Unha editora literaria debe respaldar a calidade do que publica.Unha novela do seu director non vai ser tratada co rigor necesario. Ningún empregado cun pequeno interese pola súa nómina vai poñer unha pexa aos orixinais do seu xefe.

Francisco Castro asegura que é "o segundo autor que máis vende de Galaxia". Dou por suposto que consultou datos para defender esa afirmación coa man pousada no catálogo que comparte con Castelao, Otero Pedrayo, Cunqueiro ou, ultimamente, Domingo Villar.

Con todo, o problema non é tanto de cifras como de que, tendo el unha posición de poder, sitúa esa obra nun posto de saída aventaxado con respecto ás outras novidades da editorial. Dou por suposto que ese privilexio non é consciente nin buscado; pero afirmo que provoca unha desigualdade de partida,que sempre é a máis inxusta. Tampouco estou especulando sobre o efecto de que o director xeral de Galaxia publique en Galaxia, levo anos escoitando as queixas dos autores de Galaxia porque o seu editor compite con eles dispoñendo de máis armas.

Ese defecto de fábrica dáse tamén no asunto da tradución: as relacións dun editor/autor favorecen que editores doutras linguas atendan antes aos seus libros para publicalos noutra linguas. Do ut des, dicía o Dereito Romano.

Excuso opinar sobre que un señor grave un disco, menos sobre que ame unha señora. Son dous asuntos que nin me incumben nin me interesan. Valoro ambos na medida en que o fagan feliz. Ver certas fotos e ler algúns textos publicados no Facebook do responsable dunha empresa provócanme pudor e e estraneza. Pero o propio Francisco Castro defende, con razón, que as súas redes son súas. Por moito que eu pense que os contidos non son axeitados porque ser director de Galaxia require tamén estar axeitadamente no posto.

En canto ás súa ideoloxía, leva un tempo presentándose como opositor a Vox en solitario e con trazas de heroísmo. Eses muíños de vento contra os que asegura embestir sen compañía son ben singulares. En Galicia non existe Vox. Non porque esteamos libres da extrema dereita, non porque carezamos de galegos que compartan o seu atavismo; senón porque Vox non entendeu que, para ser un factor politico de relevancia en Galicia, debes falar galego.  O ultrapartido ten un representante en todo o país, unha señora no Concello de Avión. Aceptando a hipótese de que Vox fose unha ameaza para a nosa sociedade, que un intelectual galego critique a Vox non é noticia. Noticia digo, xa non o valorarei como acto heroico. Nin sequera se fai novidade que un intelectual galego critique ao Partido Popular.

Unha vez lindado o campo de batalla, aparece o escritor Alberto Ramos. É un soldado de fortuna literaria que vai gañando premios con periodicidade e merecemento. É un autor a considerar. Linlle a notable novela de Sebastian Nell; As máscaras de Sebastian Nell, penso que era.O ano pasado gañou un premio de Galaxia con O corpo dos Romanov. Concedeu unha entrevista sobre o tema, pero tardou en publicarse. Apareceu hai uns días no xornal dixital Praza Pública. O motivo da tardanza é que enfiaba a Francisco Castro como culpable de irregularidades no contrato do texto que levou o galardón

Xa entrado no calor da denuncia, Alberto Ramos acusábao de dedicar os medios e os esforzos de Galaxia a maior gloria dos libros da súa autoría. O motivo de que tardase en publicarse, novamente, non foi quen era literariamente o criticado, senón onde estaba  laboralmente o criticado. Novamente, entraba en xogo a diferenza que facemos no galago entre o ser e o estar. Expresado máis claramente, houbo medios que non quixeron publicar esta entrevista por temor á situación de poder de Francisco Castro. A trastenda de que Alberto Ramos exprese críticas contra o director de Galaxia escápaseme. Lendo a entrevista deume a impresión de que se vai enaltecendo a medida que contesta. A periodista, boa profesional, vaino conducindo onde quere ela.

Dicíame un amigo o martes que o problema de Alberto Ramos é que ten unha visión "distorsionada" do sistema literario, no sentido de que leva uns anos movéndose nel a golpe de premio. Un galardón, observaba o meu amigo, é concedido por un xurado que non se dedica profesionalmente á edición; un galardón determina que se publique o texto gañador, sen máis consideracións de calidade.

A entrevista aparece publicada en Praza Pública e sen asinar. Os motivos de que ninguén se responsabilice persoalmente dela son alleos ao literario, pero Francisco Castro deduciu que Alberto Ramos era un peón enviado polo xornal para atacalo a el, é dicir, á súa empresa. A idea é estravagante, pero consistiría en que Praza Pública tería provocado unha entrevista negativa contra un editor para perxudicar a unha editora e que un escritor galardoado se prestaría a esa perversidade. Faltaría por coñecer a motivación do autor.

O día no que renunciou, o director xeral de Galaxia elevou a mira da escopeta. Esquecido Alberto Ramos, obviada Praza Pública; a dimision de Francisco Castro é un reproche directo a Galaxia. Acusou a súa empresa de non respaldalo publicamente diante dos ataques de Ramos pese a que llo pediu reiteradamente. "A miña conciencia impídeme representar nun cargo de alta dirección a unha empresa que, en múltiples ocasións, mais de xeito especialmente virulento nos últimos días, afeou nos seus órganos de xestión aspectos vencellados coa miña faceta artística, a miña vida persoal e as miñas actividades privadas, especialmente as que teñen que ver coa miña ideoloxía política", denunciou o editor/autor.

Tampouco necesita un ter recibida a Medalla Castelao para darse conta de que, se cadra, había socios de Galaxia que non estaban a gusto coa herdanza que les deixou Víctor Freixanes, con ver ao seu director xeral gabándose dos seus libros comprometidos, das súas cancións de amor, do seu combate en solitario contra o totalitarismo nin coas fotos do arco da vella sobre a illa de Toralla. Pode que algúns socios de Galaxia pedisen ao seu representante na sociedade galega que mantivese a liña de seriedade, discrección e defensa do colectivo que caracterizaron a esa casa dende que a fundaron no ano 1950.

Comentarios