Opinión

Con man mestra

O filósofo Søren Kierkegaard. INTERNET
photo_camera O filósofo Søren Kierkegaard. INTERNET
LEMBRO coma se fose hoxe a primeira vez que escoitei falar de Søren Kierkegaard. Literatura española de Cou, o derradeiro curso da secundaria. A novelística de Pío Baroja, a desesperación de Andrés Hurtado en El árbol de la ciencia. Non o teño moi complicado: agora, dou clase na mesma aula na que lin ese nome escrito a finais de 1999. Como non aparecía no temario de Filosofía, quedou apartado ata os 2000, cando comezaron a aparecer as súas obras completas en Trotta —non completadas aínda, se non ando errado—. Non entendín ren e aínda estamos nesas. O grande pensador danés segue a ser a miña fronteira lectora.

Di o meu compañeiro e amigo Alexandro, filósofo e mestre, que non entendo a Kierkegaard porque nunca padecín o conflito relixioso. Ten razón: pasei dun cristianismo moderado dereito ao ateísmo radical. Por se acaso, precisaba unha guía para a comprensión dun intelectual básico para comprender o noso mundo e a editorial Tusquets vén de me ofrecer a ideal: Kierkegaard. El filósofo de la angustia y la seducción, de Joakim Garff, a monumental biografía de referencia sobre o xenio dinamarqués.

A simple edición de tal obra pódese considerar un acontecemento de seu. Publicouna Garff no ano 2000 e recibiu críticas eloxiosas por todo o mundo, incluída, por exemplo, a do escritor estadounidense John Updike. Ocorre que a relación lingüística entre España e Dinamarca é secularmente complexa, como demostra o coñecido feito de que Unamuno aprendese danés só para ler a Kierkegaard, e case un cuarto de século pasou denantes de que alguén se atrevese co proxecto. Foi Juan Evaristo Valls Boix, quen nos explica ademais nun limiar tan breve como necesario os trazos do enorme volume que temos na man —case mil páxinas, con índices e notas incluídos—. 

A biografía de Garff non é unha investigación ao uso senón unha biografía con trazos de novela. Tal e como conta Valls Boix, por todas partes aparecen brincadeiras, hipérboles e xogos de palabras que afastan o relato do académico e o achegan ao lector casual. O tradutor recolle isto e a lectura faise, efectivamente, un chisco máis sinxela... pero sen que o lector lego chegue a abandonar a sensación de estar perante un libro para especialistas.

E é que Kierkegaard foi un home complexo e contraditorio que viviu no que Garff —como outros historiadores— considera o Século de Ouro da cultura danesa. Como en todas as grandes biografías —modelo: a de Richard Ellmann sobre James Joyce—, hai aquí un relato de época, mais isto tamén é un obstáculo para case calquera lector, xa que nin o funcionamento da igrexa luterana de Dinamarca —á que pertencían o autor e a súa familia— nin persoeiros coma Poul Martin Moller ou Jakob Mynster son familiares para o lector español. E se se superan estas dificultades queda, nada máis e nada menos, o pensamento do mesmo autor, fragmentario e complexo de seu.

Malia o exposto, o esforzo paga a pena. Garff leva ao lector con man mestra pola febre creadora de Kierkegaard, cos seus pseudónimos, as súas dúbidas e angurias, as súas enfermidades e enfrontamentos coa familia. A súa tarefa interpretativa e crítica aclara, tal e como eu precisaba, tanto o contido coma o estilo e o contexto da obra "kierkegaardiana" polo que, ao cabo, o libro supera o xénero da biografía para ser converter no que os ingleses chaman un "companion", a guía perfecta para regresar ao filósofo danés e entender o seu valor para unha sociedade e unha cultura tan diferentes da súas e, en aparencia, desapegadas do fenómeno relixioso.

Comentarios