Opinión

Diálogos

A típica pregunta que nos fan a todo lector, crítico ou escritor é polo noso escritor favorito. A resposta non é sinxela porque, na miña experiencia, todos pasamos fases

Durante anos tería respondido eu Thomas Mann; aló polos 2010 tería escollido a Shakespeare; arestora, creo que estou a entrar na miña fase Jorge Luis Borges, o cal resulta moi acaído porque se está a celebrar o 125º aniversario do seu nacemento, o que está a producir reedicións sen número —aproveitemos para lanzar unha mensaxe nunha botella e animar a Destino a reeditar esa alfaia que é Borges de Bioy Casares, escollido coma un dos mellores libros en español do século XXI e só dispoñíbel en librarías de vello por varios centos de euros—.

De entre estas novas edicións hai que salientar Los diálogos (Seix Barral) mantidos entre Borges e o poeta e xornalista Osvaldo Ferrari, que aparecen agora nun só e groso volume e grazas aos que podemos achegarnos de xeito fondísimo ao mestre bonaerense. Porque con Borges dáse un caso insólito na literatura contemporánea: a pesares de ser unha das figuras maiores da escrita de todos os tempos é ben posible que fose mellor lector e conversador ca escritor —ou, polo menos, así o recoñecía—.

Entre 1984 e 1985 Ferrari e Borges mantiveron un longo ciclo de conversas radiofónicas que son as que aquí se presentan. Coñecéranse na quinta de Bioy e Silvina Ocampo e, a pesares da diferencia de idade, conectaron. Eran tempos difíciles para o escritor: a vellez —Borges morrería en xuño de 1986, pouco tempo despois da derradeira conversa—, a polémica da súa relación con María Kodama e, sobre todo, o seu inicial apoio á ditadura de Videla —que probablemente lle arrebatase o Premio Nobel—. Mais nada disto figura nunhas conversas que xiran arredor da vida e a literatura.

A condición que Borges puxo para realizar os diálogos foi que non tivesen unha temática acordada previamente: Ferrari propón un tema inicial e dende aí Borges fai as súas achegas. Isto ten un evidente punto positivo —non son conversas encorsetadas—, pero tamén un negativo, posto que ao se tratar dunha edición integral son inevitábeis as repeticións, que quitan interese ao libro.

Non nos atopamos perante unha obra íntima, coma o mencionado Borges de Bioy, senón cunha serie de leccións sobre os temas preferidos do autor arxentino, ben coñecidos a estas alturas para os seus moitos devotos: as mitoloxías anglosaxoa e nórdica, a literatura inglesa —en especial autores como Chesterton ou Thomas Browne, popularizados por el no mundo de fala española—, as filosofías orientais, o mundo literario arxentino e español antes da Segunda Guerra Mundial —en especial os seus dous mestres, Macedonio Fernández e o portentoso Rafael Cansinos Assens— e a historia arxentina —da que formaba parte a súa propia familia, polo que mesmo se pode permitir o luxo de aclarar certos malos entendidos históricos—.

Aínda que non teñamos rexistros destas conversas facilmente accesíbeis en rede, a transcrición de Ferrari mantén o que podemos ver noutras entrevistas borgianas, como as mantidas con Soler Serrano ou co xornalista estadounidense William Buckley: o xuízo contundente e moitas veces mordaz, a prodixiosa memoria, a capacidade de chimpar con naturalidade dun tema a outro e a alternancia entre réplicas breves e respostas desenvolvidas nas que Borges fai un exercicio marabilloso de historia e crítica literarias que, por certo, abrangue relativamente pouco as súas propias obras, que ocupan un papel marxinal ao longo deste volume, imprescindíbel para os moitos letraferidos borgianos.

Comentarios