Opinión

Reducións

Vista aérea da AP-9 en Santiago/ AEP
photo_camera Vista aérea da AP-9 en Santiago/ AEP

HAI UNS meses en certa rede social tivo lugar un debate, no que participamos entre outros varios autores deste suplemento, co gallo da publicación dun libro sobre a traxectoria de Asturias como autonomía. Sería posíbel facer algo así para Galiza? Todos estivemos de acordo en que, cando menos, sería necesario e en que as dificultades serían aínda maiores que no principado veciño.

Uns meses despois, tras a lectura de Galicia reducida escrita por Rodri Suárez e editada por Morgante, un dos selos de Rinoceronte, un servidor non pode máis que insistir na necesidade desa obra e lamentar a boa ocasión perdida; máis se temos en conta a escasa presenza no mundo editorial galego do ensaio sobre temática contemporánea e cun enfoque ao tempo divulgador, serio e polemista.

Todo ensaio, segundo unha teoría que non ten demasiado predicamento nin sequera entre os estudosos, depende do seu autor, pois ten un inevitábel carácter confesional: o lector asiste ao proceso mesmo do pensamento autorial. Rodri Suárez cumpre sobradamente con esta premisa. Xornalista e asesor político, vencellado con distintos medios de comunicación e movementos políticos, deixa ben clara a súa tese dende o principio, expresado nun subtítulo con dous adxectivos chave —conservador e centralista— e apoiado cunha preciosa portada na que o país aparece, efectivamente reducido, á AP-9 en concreto: a autonomía galega está construída de costas ás súas dúas principais cidades, Vigo e —especialmente— A Coruña, e atada a unha visión rural e saudosista que non se sostén no século XXI.

Ocorre que, na nosa opinión, a redución non só opera sobre este marco ideolóxico senón sobre a elección do obxecto de estudo por parte de Suárez: é moi sinxelo que os teus argumentos funcionen se adaptas o que estudas ás túas necesidades e non utilizas apenas a contra argumentación retórica. Xa non é que estean ausentes do texto as provincias de Lugo e Ourense, o cal ten a súa lóxica dados os propósitos do autor, senón que apenas aparecen cidades fundamentais para a mobilización histórica de esquerdas como Ferrol ou que posúen un goberno nacionalista e exercen de modelo dende hai lustros, como Pontevedra.

Despois dunhas primeiras noventa páxinas nas que Rodri Suárez realiza un excelente traballo como estudoso e polemista, dedicadas a analizar o galeguismo histórico, a constitución do marco autonómico e un discurso ruralista ao que el se opón —aínda que con argumentos cuestionábeis en ocasións e unha clara desatención á orixe histórica deses fenómenos ou ao sistema electoral usado nos comicios autonómicos—, a segunda parte do libro convértese nunha filípica contra Compostela polo asunto da capitalidade.

Podemos entender a paixón de Suárez pola súa cidade e mesmo concordar coas súas ideas, mais o certo é que, sen ser nós composteláns, pódese apreciar unha deformación da imaxe desta cidade na Galiza reducida. Cun maniqueísmo evitábel preséntase a Coruña progresista —inexistente, por exemplo, dende a perspectiva dun lugués ou un pontevedrés— fronte á Compostela relixiosa, axeonllada fronte o Obradoiro e o Camiño —o que ignora, por exemplo, o feito de que a intelectualidade de progreso do período democrático saíu case en exclusiva da USC—.

Galicia reducida resulta ser, ao cabo, unha peza para espertar debates e conciencias, que podía ter chegado máis lonxe de se desfacer do excesivo coruñesismo, e que pon enriba da mesa, cando menos, a necesidade que ten calquera cidadán formado de cuestionar as ideas e os relatos transmitidos histórica e politicamente sobre a comunidade nacional na que se integra.

Comentarios