Opinión

Sangue no peto

Mina de cobalto. INTERNET
photo_camera Mina de cobalto. INTERNET
IAMOS DANIEL e mais eu no ascensor cando a vista do cativo caeu no libro que viña eu de tirar da mochila. "Que portada máis bonita! Vermella e en tres dimensións!", afirmou, sempre atento aos aspectos artísticos do asunto. Como é bo lector, convideino a ler o subtítulo e aí o asunto xa cambiou: "El Congo se desangra para que tú te conectes". Aínda que non sabe moito do Congo alén de que é un país grande de África e que a metáfora non está ao alcance dos seus oito anos, axiña sentenzou: "Isto non ten boa pinta".

Bañado en vermello nesa portada, un adolescente congoleño míranos con ollos sinistros namentres se dispón a cargar un par de sacos de rafia cheos de cobalto polos que, con sorte, recibirá dunha compañía mineira chinesa ou suíza entre un e oito dólares. Para recollelos, probabelmente, xogou a vida convertido nunha toupa humana, metido nun furado duns cinco metros de profundidade. O xornalista estadounidense Siddharth Kara viaxou a minas como a de Kolwezi para denunciar a existencia dese "Cobalto rojo" e Capitán Swing, fiel á súa liña editorial, trae esa denuncia á lingua española agora.

É duro dicilo, pero tanto vostedes coma min levamos sangue no peto, alí onde gardamos o teléfono móbil. De feito, este artigo estase a escribir nun ordenador tamén manchado dese mesmo sangue africano. Tal e como explica con claridade o autor, o cobalto é un mineral escaso e básico para a fabricación de baterías de calidade para calquera dispositivo móbil. De feito, é tan escaso que entre o 60 e o 70 por cento de todo o que se produce no mundo sae dunha pequena rexión en forma de media lúa na zona sur da República Democrática do Congo, na fronteira con Zambia.

O Congo, a RDC polas súas siglas, é potencialmente un dos países máis ricos do mundo, pero na explotación das súas materias primas por parte das empresas occidentais —e agora orientais, xa que a presenza chinesa é agoniante— chove sobre mollado. Non se pode escribir un libro sobre o corazón do continente africano, e Kara nin o tenta, sen mencionar o caucho e o marfil, ao rei Leopoldo de Bélxica e a Joseph Conrad co seu corazón das tebras, a Lumumba e a rexión de Katanga, a Mobutu e o seu saqueo consentido polos Estados Unidos.

Hai décadas que a RDC, o antigo Zaire, é un estado fallido que malvende os seus recursos naturais, extraídos por unha poboación que se atopa entre a miseria e a escravitude. O libro de Siddharth Kara revolve as tripas a calquera persoa cun mínimo de humanidade. O profesor e investigador, especialista en escravitude moderna, viaxou, ás veces con grave risco para a súa integridade física, ás rexións mineiras do país e o que conta, xacemento por xacemento, é dunha dureza extraordinaria: pagos de miseria, traballo infantil a esgalla, contaminación e enfermidades por radiación, destrución de calquera tecido social e cultural, morte en condicións miserentas e indignas para calquera ser humano, xa non falemos para nenos que non chegan nin á adolescencia.

E malia todo, o peor non é ler sobre todas estas indignidades. O peor é decatarse de que nada vai cambiar. Kara remove as nosas conciencias, pero el sabe e nós sabemos que xusto despois de que se nos dean volta as tripas pecharemos o libro, colleremos o noso móbil, mandaremos unha mensaxe por calquera aplicación e seguiremos coa nosa tranquila vida occidental, ergueita en parte sobre cadáveres do Terceiro Mundo.

Comentarios