Opinión

Todos somos franceses

Levi Strauss. EFE
photo_camera Levi Strauss. EFE

NO MUNDO da Filoloxía Hispánica que se fai na Galiza todos somos franceses, en realidade. Hai unha certa conexión con autores estadounidenses, sobre todo en disciplinas desenvolvidas dende o maio do 68, e a literatura española conta cos seus santóns... mais no básico todos andamos detrás de Benveniste e Genette, Saussure e Levi-Strauss, Foucault e Barthes.

Todos eles viviron nunha mesma época, convulsa e apaixonante, que estudou François Dosse en La saga de los intelectuales franceses, cuxo primeiro volume publica agora Akal en tradución española. Hai que agardar que non se demore demasiado o segundo tomo, que cobre precisamente a época que vai dende as revoltas do 68 ata a caída do muro de Berlín en 1989.

Hai unha brincadeira que di que un dos mellores negocios do mundo é mercar algo arxentino polo que vale e vendelo polo que un arxentino di que vale. Quizais o mesmo se podería aplicar á recente historia de Francia: un país convulso, colaborador co Terceiro Reich en importante medida, potencia internacional decadente, responsábel de terríbeis crimes en distintos escenarios coloniais, en particular o de Alxeria, pero que é quen de presentarse a si mesmo coma unha nación estable, que resistiu con afouteza ao invasor nazi e conservou a súa dignidade como potencia a pesares de certos imperdoábeis erros.

Análises como a de François Dosse —o mesmo que antes a de Robert Gildea sobre a Resistencia aos nazis ou a de Julian Jackson sobre a figura de De Gaulle— serven para desmitificar o que o influínte gaulismo bautizou como unha certa idea de Francia. O profesor do Instituto de Estudos Políticos de París constrúe un relato apaixonante e neutral, que golpea tanto as veleidades nazis e autoritarias de boa parte da dereita como as fantasiosas ilusións estalinistas da esquerda. Desprovistos dunhas ideas políticas xa caducadas na maior parte dos casos, os personaxes aparecen perante os nosos ollos na súa real importancia, para ben e para mal.

Tómese como exemplo o relato que artella a primeira parte do libro: o da relación entre Jean-Paul Sartre —quen nos saúda, groso cigarro en man, dende unha magnífica portada— e Albert Camus. A sombra do primeiro cae sobre centos de páxinas, pero Dosse é quen de debuxar a ruptura do segundo co existencialismo e a importancia das súas obras e ideas para o lector actual, algo que non ocorre cun Sartre que levou peor o paso do tempo a causa da perda de importancia das nocións filosóficas que daban folgos á súa literatura.

Porén, unha barreira que non consegue chimpar Dosse é a da presentación sinxela das ideas de boa parte dos pensadores galos daqueles tempos. Comprender a fenomenoloxía, o estruturalismo ou as fases avanzadas do marxismo nos seus aspectos máis básicos non é cousa complexa, mais Sartre, Levi-Strauss ou Althusser non quedan precisamente na superficie nin dos conceptos nin da linguaxe. Isto obriga a Dosse a traducir ideas e terminoloxías, o que provoca que o seu compendio remate por ser denso e de lectura demorada, a pesares dos seus esforzos estilísticos, propios dun experimentado autor no terreo da historia intelectual.

Remata o primeiro tomo da obra de Dosse cun deses acontecementos polarizadores e de interpretación contraditoria: o Maio do 68. Como constata, non sobreviviron a ese mes nin as ideas comunistas máis achegadas á Unión Soviética nin o gaullismo na súa forma máis pura. Nuns meses saudará dende o tomo segundo a figura de Michel Foucault –se se respecta a elección orixinal francesa– e poderemos facer unha valoración definitiva dun libro que apunta a panorama definitivo da intelectualidade francesa no século XX, aínda por riba do tantas veces citado clásico de Michel Winock.

Comentarios