Opinión

Un delicioso engano

EXISTEN NO mundo da cultura e a historia temas que se poñen de moda e arredor dos que xira o debate, ás veces durante décadas.

Nos últimos tempos, por exemplo, son os conceptos de civilización —en particular dende o libro do estadounidense Samuel Huntington— e o de imperio —con moitas formulacións, como a ultranacionalista de Roca Barea en España—. Isto fai que en ocasións as editoriais procuren pescar o lector con certas estratexias que marcan un horizonte de expectativas que, en ocasións, non se cumpre.

É o caso do último libro de Amin Maalouf editado en español, coma sempre por Alianza. Responde a un título transparente (El naufragio de las civilizaciones) que é o mesmo que leva na edición orixinal en lingua francesa —descárguese de responsabilidade ao selo español—. A pouco que coñeza un o autor e con esa carta de presentación é sinxelo imaxinar un breve ensaio sobre os problemas xeopolíticos do mundo, a cada vez maior fragmentación, a inexistencia de ideais ilustradas que acheguen cohesión e o fracaso da superpotencia estadounidense no século XXI. Por exemplo.

Nada disto é certo, xa que a obra é en esencia unha autobiografía de Maalouf salpicada aquí e acolá de reflexións sobre o estado actual do mundo e, en particular, do mundo árabe. É tarefa do crítico advertir ao lector, xa que doutro modo este pode sufrir unha decepción e abandonar o que de feito é unha lectura moi aproveitábel. Podemos dicir que o da editorial francesa e o de —matino— o propio autor é un delicioso engano en canto ao xénero do libro.

A maior parte do libro está dedicado a unha crónica da infancia e a mocidade do autor. Libanés residente en Exipto de neno

O engano é delicioso porque Maalouf, coma sempre, ten moito que dicir. Escritor coñecido e premiado en toda Europa, popular dende os oitenta tras a publicación do best seller León el Africano, deixou o árabe como lingua literaria polo francés para se converter ademais nun dos principais representantes dun islam diferente: tolerante, ilustrado, consciente do aporte seminal da civilización musulmá á configuración de Occidente, a India e China.

A maior parte do libro está dedicado a unha crónica da infancia e a mocidade do autor. Libanés residente en Exipto de neno, evoca a dorosa experiencia do goberno de Nasser, quen expulsou os seus do país, pero ao tempo é recoñecido coma o gran líder árabe da posguerra. Chimpa despois á proclamación da república islámica de Irán, en 1979, ano chave para os acontecementos sociopolíticos que vivimos aínda arestora. E aquí e alá aparecen as súas vivencias do conflito entre Israel e Palestina, no que o Líbano xugou historicamente o papel de campo de tenis sobre o que rebotan os pelotazos —e as bombas— dun e doutro bando.

Só na parte final atopamos unha boa xeira de reflexións e, sobre todo, preguntas incómodas. Se temos tecnoloxía, xeramos cada vez máis riqueza e posuímos cada vez máis educación… como é posíbel que o mundo se dirixa non cara a liberdade e o progreso senón cara a desigualdade e a discriminación? Por que se o comunismo e o igualitarismo fracasaron e están no lixo da Historia poden aparecer para moitos como metas a acadar? Por que, para contrarrestar isto, o liberalismo triunfante tras a caída do Muro non tomou as medidas axeitadas?

Son demasiadas preguntas e moi poucas respostas. Por desgraza. Maalouf, coma noutros escritos, toma o partido do humanismo e a ilustración. En realidade non pode haber outro para quen posúe certo grado de coñecemento e compromiso intelectual. Acontece que estes ideais naufragan, por unha banda, en medio da demagoxia e a ignorancia, e pola outra en medio do fanatismo relixioso que describen as súas páxinas sobre Oriente. E así un libro valioso pasa a ser unha chamada de atención sobre a actualidade baseada, coma sempre, na Historia, xa que a este destino chegamos por un camiño que en certos aspectos conviría non percorrer nunca máis

Comentarios