Opinión

Soidade

A SOIDADE xoga malas pasadas, é unha das epidemias da sociedade moderna, desta na que tanto se fala e tan pouco se escoita. É un mal desta sociedade aparvada pola sen razón, pola intolerancia contemporánea e polo pouco respecto ao que se di. Os expertos aseveran que se trata dunha das causas dos grandes problemas de saúde no mundo desenvolvido e tecnolóxico. Vaia o demo con el! Para atallar algún destes problemas, o goberno do Reino Unido creou o Ministerio da Soidade, un departamento gobernamental que enraizará seguramente noutros países, nos que a soidade é a única compañía de moita da súa xente. Confiemos en que o ministro (ministra, no caso inglés) non sexa nomeado pola súa experiencia.

Nesta época de conexión permanente, total e absoluta, a soidade é unha verdadeira ameaza para a saúde, un cancro que medra desenfreadamente coa sensación e o medo a estar só, aínda que, no dicir popular, "é mellor estar só que con mala compañía". Soidade enorme a de Modesto do Carpinteiro e a de María de Fidalgo, os dous nunha residencia de maiores ateigada de iguais. Todos igualmente sos, tristes e sen camiño, sen ter a quen contarllo, simplemente agardando polo que veña. Chegue ou non chegue!

Nesta época de conexión permanente, a soidade é unha verdadeira ameaza para a saúde, un cancro que medra desenfreadamente coa sensación e o medo a estar só

Hai expertos que estudan a soidade, pero non acadan conclusións que permitan afastala de nós e desposuír á sociedade desa peste que medra cada día e que a infesta, así como invade os corazóns de nenos e vellos con neboeiros de bágoas inimigas, moitas delas arrancadas do sufrir pola inexistencia de convivencia. Maldita sexa!

Soidade a do corredor de fondo, que unicamente escoita os pasos dos que lle adiantan e non ten con quen falar. Milleiros de persoas en soidade, atrapadas pola inxustiza e a desesperación. Moitas delas inmigrantes, que van no metro fuxindo dos homes con uniforme na vestimenta, na cabeza e no peito.

Canta soidade, amigos! Incluída a do cronista cando, inmediatamente despois de rematar o artigo, ve da cor da tinta as chamas da lareira, ou cando coloca a pluma na man e a man, diante dun folio en branco. A Tía Manuela quere que remate este artigo recordando a Bécquer, cando dicía "a soidade é máis fermosa cando temos a alguén a quen dicirllo".

Comentarios