Miércoles. 21.02.2018 |
El tiempo
Miércoles. 21.02.2018
El tiempo

O negocio da cultura

VISITEI CON certo interese e curiosidade a exposición aberta en Ourense titulada In tempore Sueborum; é obra da Deputación ourensá que ao parecer fíxose cargo do seu financiamento e obtivo a colaboración da Xunta de Galicia, do Concello de Ourense, do Bispado desta diocese e de Abanca. A exposición preséntase en tres sedes e chámase No tempo dos suevos porque se expoñen obxectos que poboadores supostos dos mesmos pobos deixaron como pegada física en varios lugares de Europa: Polonia, Bulgaria, Francia, Italia, Portugal, Hungría, Bélxica, República Checa e mesmo Mérida. Sinto comunicar que de Ourense non hai nada e de Galiza as pezas que están son dos museos de Pontevedra e Lugo. Estou convencida de que a Deputación de Ourense escolleu os mellores especialistas para comisariaren a exposición, que estes traballaron con todo o entusiasmo en faceren medrar a gloria da cidade, aínda que non o lograron, e, pola nosa parte, cómpre recomendar –sen citar para nada o contido– que para tempos futuros convén que se esmeren no idioma, na toponimia e nos nomes da rúas porque Rebordanes non existe, e en Lugo non hai unha rúa que se chame Calle Nova.

Conviña tamén que a cartelaría das vitrinas fose escrita en galego, e nada, dous ou tres detalles máis só de forma, porque o relevante neste caso é tratar do sentido do gasto, de máis de medio millón de euros recoñecidos. As pezas atribuídas á cultura sueva están na primeira das sedes escollidas; son nomeadamente xoias (ouro, prata, ámbar...) e algún resto funerario de suevos representados con bigote e trenza (sic, da autoría do guía) e paineis explicativos da época.

A segunda parte reside na Igrexa de Santa María Nai, sobre o cristianismo nesa época: na publicidade din que teñen o Crismón de Quiroga, pero é falso: o Bispado de Lugo tivo o sensato criterio de non llelo prestar: só hai unha reprodución montada nun estaribel tan cativo en seguridade que calquera día –se ten visitantes físicos e non en páxina webcae e racha. A empresa responsábel do proxecto da montaxe é Sercam, con sede en Valladolid; un dos comisarios é de Valladolid, e a xustificación –en prensa– de por que Ourense é que ten unha enorme potencialidade para o negocio cultural, segundo declaracións dun dos comisarios.

Certamente é de resaltar o interese da Deputación de Ourense polo negocio da cultura, xa que aínda non saímos da época de crise –lembremos gastos sociais recortados– e xa se empeza cos gastos suntuarios perfeitamente prescindíbeis e susceptíbeis de se submeteren a criterios de racionalidade económico-social con finalidade clara de ben público; mesmo en aras de maior racionalidade, nada común nos nosos lares, podería existir certa coordenación entre Deputacións, Xunta e Concellos para realizar uso dos fondos públicos, acaído aos intereses do país e non da maior ou menor gloria, con negocio, duns baróns provinciais.

É sabido que na nosa sociedade todo é negocio pero ás veces –non sempre, claro– conviría que as institucións fosen quen de dar exemplo con condutas eticamente exemplares.

O negocio da cultura
Comentarios