Opinión

Begonte, o noso Greccio

ERUDITOS HERMENEUTAS e historiadores explican que o nacemento de Xesús non se produciu un 25 de decembro. Un dos seus argumentos é que o edicto de empadroamento de Augusto, o que provocou a viaxe de María grávida e á beira do parto, tivo lugar en verán. Doutra banda, os evanxeos nada din da tal data. Sábese que a celebración veu cristianizar o rito pagán do culto ao Sol no solsticio de inverno.

Fora como fora, o importante é o que se nos conta da chegada do Neno- Deus. É ben ilustrativo recordar a escenografía que, en poucas pinceladas, pinta o evanxelista San Lucas. "(...) e deu a luz ao seu fillo primoxénito, envolveuno en cueiros e deitouno nun presebe porque non había sitio para eles na pousada" (Lc. 2, 4-7). "A nova anuncióuselles aos pegureiros que, por quendas, vixiaban os rabaños" (Lc. 2, 8-14). San Mateo (2, 7-12) fálanos da adoración dos magos de Oriente e, alén diso, os documentos canónicos non dan máis pormenores.

Os pormenores foinos engadindo a tradición e mais a inventiva das persoas que, no ronsel de San Francisco de Asís, quixeron e queren recrear aquel espazo de esperanza. Segundo contan, todo comezou en Greccio, entre Asís e Roma, un Nadal de 1223. O Santo celebrou a misa a noite de Nadal no interior dunha gruta á que levaron unha mula e un boi. Así, o percorrido que ten o seu quilómetro cero en Belén, pasa pola pequena localidade italiana e ramifícase polo ancho mundo como unha frondosa árbore na que a póla de Begonte medra a cadora máis vizosa.

Un presebe ou nacemento é, quizais, un dos poucos lugares que non poden contaminar o consumismo e o desamor. O Neno pobre entre os pobres, rexeitados os seus, María e Xosé, até o punto de ter que buscar acubillo nunha corte de animais, segue a nacer cada día en cada persoa marxinada coa que nos cruzamos, a miúdo sen vela. Ler un Belén é descifrar esa mensaxe e procurar a harmonía e a paz do mundo que representa. Un mundo en que cadaquén ocupa o seu lugar e exerce o seu oficio en ben de todos. Unha montaxe realizada por mans sinxelas, as dos que acreditan aínda no valor dos símbolos.

Para construír un Belén abonda coa letra b de bondade, de bendición, de beleza, de benevolencia, de bico, de brancura, de bebé entre as pallas. B de Begonte, por exemplo.

Quen, canso deste mundo desigual e inhumano, non desexou, ao visitalo, un oco no nacemento da vila luguesa? Alí cabemos todos e todas, crentes ou non, porque non hai ninguén que, dun ou doutro xeito, non saiba o que é ser rexeitado, excluído da pousada. Seica o significado en hebreo da palabra Belén é Casa de Pan. Oxalá fagamos da terra esa casa de pan sen excluídos.

Comentarios