Domingo. 25.02.2018 |
El tiempo
Domingo. 25.02.2018
El tiempo

Ítaca deuche a fermosa viaxe

COIDO QUE o poema de Constantino Kavafis, Ítaca, é un dos que mellor desenvolve unha filosofía para a vida. A alegoría da viaxe, que non é nova, alcanza a plenitude do seu significado no devandito texto. Non creo que ninguén o teña superado.

Ao remitirnos á Odisea, cárgase con todas as connotacións da obra homérica, a viaxe por antonomasia, onde as aventuras e os perigos se suceden até o final feliz do reencontro.

Porén, para o poeta de orixe grega, nado en Alexandría e falecido tamén alí, a fin do periplo, a chegada, é o que menos importa. Importa o camiño. O camiño cara a Ítaca, non Ítaca. Ela é a que nos agasalla coa fermosa viaxe porque sen ela non a emprenderíamos.

A illa pode non reservar ningunha sorpresa –ou si– para quen a procura. A sorpresa é o camiño; mais é precisa unha Ítaca, un ideal, unha utopía, unha luz para navegar cara a ela. A sede para buscar a fonte, diría o modernista Amado Nervo.

Polo que toca aos atrancos e perigos do traxecto, simbolizados naqueles cos que se enfrontou e confrontou Ulises (Lestrigones, Cíclopes, Poseidón), a voz poética avisa de que non os atoparemos se non os levamos dentro, se o propio pensamento non os coloca en nós.

Kavafis non propugna a ascese, senón unha celebración hedonista, a cargarse cos dons do camiño: a beleza representada por perfumes sensuais e mercadorías preciosas e a sabedoría aprendida dos instruídos. E, sobre todo, insiste en pedir que o traxecto sexa longo e sen présa por chegar.

Neste tempo de nortes desnortados, valla o oxímoro, corremos tolos sen sabermos para onde. Non avanzamos, xiramos arredor de nós porque semella que xa non hai Ítacas. Citei noutras ocasións un político que se congratulaba de que a xuventude actual non tiña utopías. Non lle faltaba razón porque, á hora da verdade, el e outros coma el só lles mostran a ruta das distopías, das sociedades indesexábeis onde se adora o becerro de ouro, o deus Capital convertido en razón de todas as cousas.

Soño cunha multitude de camiñantes cara ás múltiples e variadas Ítacas, a facer mellor o mundo e máis verdadeira a propia existencia. A xente nova, xenerosa de seu, non manipulada pola propaganda consumista, é a que pode darlles volta ás cousas. Dito en "román paladino", rapaces e rapazas con proxectos de vida –non xoguetes das ondas sen proa a ningures–, a realizar ese plan grandioso que é a humanidade.

Porque sei que, malia todo, imos e iremos a mellor. Hai seres abxectos –prefiro non citalos–, pero son máis os heroes e as heroínas de cada día, as pequenas pezas que fan funcionar a máquina do mundo. As persoas con ética, a primeira das Ítacas.

Ítaca deuche a fermosa viaxe
Comentarios