Sábado. 16.12.2017 |
El tiempo
Sábado. 16.12.2017
El tiempo

Abriu a veda, amigas

'Fairytale of NewYork' é a máis fermosa e triste das panxoliñas. Cando se supón que podemos empezar a facer cousas de Nadal?

Os mercados de Nadal de Hamburgo abren en novembro. SRDJAN SUKI (EFE)
Os mercados de Nadal de Hamburgo abren en novembro. SRDJAN SUKI (EFE)

"HAI PUNKIS que fan a crista na cabesa. Shane MacGowan lévaa nos dentes". Leonardo Fernández Campos, máis coñecido como O Leo i Arremecágona fóra do instituto onde imparte aulas de lingua galega, ditou sentenza hai tres anos no Twitter. O Leo está certo de que a banda de Shane MacGowan, The Pogues, son os Mini e Mero de Eire, mais acepta tamén a teoría do meu compañeiro Víctor Rivero: The Pogues son Eskorbuto con tin whistle.

Souben por Gerry Adams, o xa expresidente do Sinn Féin, que se veñen de cumprir trinta anos do lanzamento de Fairytale of New York dos The Pogues e Kirsty MacColl. O canto de Nadal máis triste de todos os tempos. O meu favorito, abofé.

Fairytale of New York sería, nunha tradución ao vernáculo, conto marabilloso de Nova York, que xa ten explicado veces e veces Antonio Reigosa que en galego as fadas teñen que ver co sino, co fatum latino, e non existen como seres máxicos na literatura oral popular de Galicia. Así que nada de contos de fadas, amigas.

A panxoliña dos The Pogues ten a pulsión dos cantos de cego e do romanceiro vello, a narrativa lumpen do tango e a ollada desgarradora sobre os exilios de Unha noite na eira do trigo. Comeza o relato no pichoco dos borrachos nunha comisaría e mete a gadoupa nos sonos esfarelados; nin Broadway nin cartos. A emigración foi un fracaso e os antigos amantes insúltanse e desexan que ese Nadal sexa o derradeiro no entanto soan as gaitas do coro irlandés da policía metropolitana de Nova York.

Normalmente termo das ganas de empezar a escoitar Fairytale of New York ata que remata novembro, ata a ponte das matanzas, pero desta volta hai xa unha semana que me poño o videoclip, con Matt Dillon de poli, en bucle no YouTube. Ana War de Operación triunfo, con "altanera, presiosa y orgullosa" en La Bikina, e Shane MacGowan e Kirsty MacColl a chamarse monte de merda como se lles fose a vida.

Se nos seus desamores adolescentes adoitaba enzoufarse no estrume da miseria mentres lle daba voltas cun boli Bic ás cassettes na procura de El roce de tu cuerpo de Platero y Tú e Deltoya de Extremoduro, Fairytale of New York é a súa panxoliña de Nadal. Se a súa historia favorita de Love Actually é a da oficinista á que chaman para que coide do seu irmán xusto no intre no que ten deitado na cama o máis crocante dos seus compañeiros de traballo, xa tarda en escoitar a peza dos Pogues.

Unha das grandes incógnitas destes tempos reside en saber con exactitude en que punto do outono procede facer cousas que se supoñen de Nadal. Como escoitar Fairytale of New York e ver Love Actually ou maratóns de Harry Potter, mercar polvoróns no Gadis ou as bolachas da caixa vermella con corazóns do Tiger.

Unha vez visitei a palloza de Joulupukki, o Apalpador dos sami. A principios de setembro e en manga curta sobre o Círculo Polar. En Mitteleuropa, os mercados navideños danlles calor ás vilas desde os albores de novembro a forza de lucerío minimalista —nada que ver cos colorinchos espasmódicos que se estilan por aquí— e de viño quente con especias e azucre.

Un día decidín que a vida é moito mellor con canela, xenxibre e cardamomo todo o ano e fago por acumular o ambientador de Zara Home por litros para que me dure fóra de tempada. Contareilles un segredo: aínda alumean na miña casa as luces do Nadal pasado.

Abriu a veda, amigas
Comentarios