Blog | Nube tóxica

De súpeto, unha icona

Como adoitou suceder coa construción dos eternos femininos durante os últimos milenios, tamén os homes artellaron a Rosie The Riveter, a muller debuxada nos carteis de 'We Can Do It' en 1943

Naomi Parker (dereita) e a súa irmá Ada
photo_camera Naomi Parker (dereita) e a súa irmá Ada

NAOMI PARKER Fraley nacera en Tulsa, Oklahoma, e morreu o mes pasado en Longview, Washington, aos 96 anos. Filla de mineiro e orfa de nai desde nena. A terceira de oito. Migrante como as familias botadas ás estradas durante a Gran Depresión que retratou Dorothea Lange para a Farm Security Administration dos Estados Unidos a principios dos anos trinta do século XX. Quizais non se lles faga familiar o nome de Naomi Parker Fraley, pero se lles comento que ela foi –alomenos unha– Rosie the Riveter, Rosiña a Remachadora, e visualizan o poster da muller obreira, con bandana vermella de topos brancos, pintados os beizos, rizadas as pestanas, que ergue o brazo e amosa bíceps, seguro que se lles fai máis coñecida.

Temos visto a Beyonce, P!nk, Michelle Obama, Christina Aguilera e Wonder Woman remedar a pose. Mesmo á nosa Diana López Varela. Eu téñoa en chapas, autocolantes e nunha camisola que lle rende homenaxe a través de Ygrith, a rubia salvaxe de Canción de xeo e lume. Como adoitou suceder na construción dos eternos femininos nos últimos milenios, tamén os homes artellaron a Rosie The Riveter. O celebérrimo cartaz do We can do it! (Podemos facelo!) é obra de J. Howard Miller, que o deseñou como propaganda contra o absentismo laboral na Westinghouse Electric Company. Era 1943, os homes estaban na fronte en Europa e facían falta as mulleres como man de obra na industria da guerra.

Fronte a outras Rosiñas Remachadoras –tamén impresas en dúas dimensións e mesmo pisoteando un exemplar de Mein Kampf; outras, feitas cancións–, a de Howard Miller e Westinghouse foi máis de consumo interno e non se converteu nunha imaxe popular en Estados Unidos, e por extensión en todo Occidente e máis aló, ata que alguen rescatou o póster nos anos oitenta. Naomi admitiríalle en 2015 ao profesor de Comunicación James Kimble, que estivera a procurala durante anos, que a ela aquel debuxo lle lembraba a si mesma, pero que deixara morrer o conto.

Naomi Parker e a súa irmá Ada traballaron durante a Segunda Guerra Mundial nunha planta do Exército do Aire dos Estados Unidos en California. Ambas as dúas asistiron a un encontro das mulleres operarias da Segunda Guerra Mundial ao abeiro dun colectivo denominado –bingo– Rosie the Riveter. Sucedeu durante este evento en Richmond que Parker se viu de fociños coa súa iconicidade. Foi nunha fotografía, a que inspirara a Howard Miller no seu 'We can do it!'. Nela, unha moza, disque Geraldine Doyle, aparecía pendurada sobre unha máquina seica na fábrica de Pratt & Whitney en East Hartford, Connecticut, segundo o pé de foto. Mentira. Aquela rapaza era Naomi Parker e a imaxe fora capturada en Alameda, California.

Argumentaba hai uns meses a escritora Elena Fortún que ao mellor estivemos utilizando mal durante todo este tempo a Rosie the Riveter como icona feminista

Argumentaba hai uns meses a escritora Elena Fortún que ao mellor estivemos utilizando mal durante todo este tempo a Rosie the Riveter como icona feminista. Que todas aquelas señoras que nos primeiros anos corenta tiveron que manexar a maquinaria pesada –pola metade do salario deles– foron a medida que os seus irmáns, amantes ou fillos regresaban da guerra convidadas a volver ao traballo doméstico –sen salario ningún– a través de pósters con outras Rosiñas en funda e bandana para cubrir o pelo, rizadas as pestanas, pintados os beizos.

A filósofa Mercedes Expósito, que investigou para a súa tese a garçonne e a pin up como producións da feminidade do século XX, relatárame que o de retirar seis millóns de mulleres do mundo público para seren recluídas na casa non foi sen resistencia, polo que se impuxo un proceso de domesticación no que participaron activamente a industria publicitaria, a editorial e Hollywood.

Despois de Hiroshima e Nagasaki, Naomi Parker traballou como camareira no restaurante The Doll House, en Palm Springs. "As mulleres deste país precisan algunhas estes días. Se cren que eu son unha, iso faime feliz", dixéralle á revista People en 2016.

Comentarios