Blog | Nube tóxica

Eurodramas

Os vascos de McGyverlevaban chaleque e bigote. Os eurofáns españois desbotaron a opción de mandar perreo feminista a Lisboa

Aitana War. RTVE
photo_camera Aitana War. RTVE

PUBLICA UNHA peciña o Sunday Times sobre o berrallóns, sobóns, maleducados, preguiceiros e impuntuais que son os españois e dez días despois –que non se diga– aqueles que se recoñecen na etiqueta saen, alporizados, a xurar que semellante afrenta non quedará sen vinganza. Descoñezo se a verdade vive no medio do camiño de como te ves a ti propia e a imaxe proxectada nos demais. Alerta spoiler: iso de que ti serás quen queiras ser é unha trapallada mentireira.

Non sei se lembran aquel capítulo de McGyver –a dos oitenta– no que o bo de Richard Dean Anderson se atopa cunha cuadrilla de vascos, con txapela, chaleque e mostachos negros; unha grei que desde tempos inmemoriais "loita contra Francia e España". Son perigosos, mais semella que non lles chega a auga ao tanque: queren facer unha bomba atómica e secuestran… unha xeóloga.

Estes días de atrás cavilei en que idea terán os daneses do paso de Carles Puigdemont polo seu territorio. Vivín uns días en Copenhague a crise das refuxiadas do verán de 2015. O Goberno danés pagou anuncios nos xornais turcos para dicirlles ás xentes expulsadas do polvorín de Oriente Medio que non eran benvidas. Pecháronse ao tránsito estradas e vías férreas para impedir o paso de quen camiñaba a Suecia desde Centroeuropa. Fíxose cumprir a norma que autorizaba o requisado de cartos, xoias e bens a estas persoas. A nosa caseira, unha matroa de cincuenta e algún, con esa cor de pelo que non sabes se é un louro albino ou xa cabelo canoso, autoproclamada fundadora da comuna de Christiania, dicía que pobriñas as nenas de Siria, pero que Dinamarca non estaba preparada para acollelas, que a ver que había ser da identidade e do Estado de Benestar. Aquela señora quixo facerme o día que marchabamos un cumprido: "Pois ti aínda tes sorte, que ao seres así esbrancuxada e con pencas non pareces unha muller do sur de Europa".

No imaxinario dunha danesa que ten litros de autobronceador no cuarto de baño e budas de todos os tamaños, non semellar meridional resulta unha fortaleza.

Como son medio recastada e pasei por algún centro galego na diáspora, sei que hai moito tempo que os quintetos de gaitas incorporaron o samba brasileiro, a rumba cubana e as mazurcas polacas a un repertorio que hoxendía é tradicional e galeguísimo. Que antes de que Tito Puente abrazase a salsa no Nova York dos anos sesenta xa viaxaran Los Satélites con Pucho Boedo a Venezuela, e que daquelas poeiras estas lameiras de merengues e bachatas que impoñen a súa lei en calquera torreiro.

Este ano a RTVE –as participantes en Eurovisión representan a unha televisión pública, non un país ou estado– tocáballe mandar a Lisboa un perreo feminista. Unha canción sinxela. Con pouca letra. Mensaxe efectiva. Actitude. Algo que lembrar –e bailar– nunha gala que se prevé inzada de baladas na procura de remedar o efecto Luísa e Salvador Sobral, como se fose posible. Lin no Twitter centos de comentarios de eurofáns españois que aseguran que o do reggaeton está moi ben de portas para adentro, como un pracer culpable, para dalo todo na discoteca, pero non para plantarse perante Europa, Australia e parte de Asia. Que agora vai ser que a ninguén lle gusta a ‘Gasolina’ nin ‘Papichulo’ nin ‘La gozadera’ nin ‘La mordidita’. Que iso non é sequera unha música española, disque. Ao contrario que o españolísimo valse tirolés que cantarán Amaia e Alfred o 12 de maio.

Comentarios