Opinión

Galego, lingua global

¿E non haberá que dicir, como di Rajoy para o español, que o idioma galego é un patrimonio que temos a obriga de custodiar e legar ás próximas xeracións?

O PRESIDENTE do Goberno do Reino de España acaba de presentar un dos denominados "proxectos estrela" do seu Executivo: ‘El español, lengua global’. E así é. Nada que obxectar. O idioma español ou ‘castellano’ (orixinario do Reino de Castilla) é falado só como lingua materna no mundo por máis de 430 millóns de persoas, e semella lóxico que o Goberno español trate de pór en máximo valor a riqueza do idioma de Cervantes. "A lingua é en certo xeito a manifestación externa do espírito dos pobos", que dicía aquel prusiano que foi Guillermo de Humboldt, fundador da Universidade de Berlín e viaxeiro ao País Vasco (1799) para estudar o euskera.

Pois ben, o proxecto estrela do presidente Rajoy foi recibido con grandes e xerais expresións de xúbilo, porque o idioma español é "o máis sólido emblema da Marca España", "un tesoro de un valor inmenso", e o propio presidente non aforrou frases como a seguinte: "El español es un patrimonio que tenemos la obligación de custodiar y legar a las próximas generaciones". Perfecto. ¿Mais só existe, entre nós, o español? ¿E se no canto de ‘español’ poñemos ‘galego’? Vexamos. O idioma galego, nas súas diferentes variantes —en Portugal ou no Brasil, entre outras—, tamén é unha lingua global —a "lingua extensa e útil" de Castelao—, e é o único idioma que, xunto co inglés, se fala en todos os continentes: Europa, América, África (Angola, Mozambique), Asia (Macau) e Oceanía (Timor-Leste). E o galego, pai do portugués, é falado por máis de 240 millóns de persoas no mundo.

E sendo isto así, porque é ben certo que unha persoa de Couxela (Ribadeo) pode manter fluída conversa con alguén da provincia angolana de Moxico, ¿acaso non é o idioma das Cantigas de Alfonso X tamén lingua universal? ¿E non haberá que dicir, como di Rajoy para o español, que o idioma galego, "tesouro dun valor inmenso", é un patrimonio que temos a obriga de custodiar e legar ás próximas xeracións?

O idioma galego, ademais de ser internacional e ser o instrumento expresivo dunha das literaturas máis importantes de Europa (dende o século XII até hoxe), posúe un incontestábel valor cultural e económico. E tamén precisa un Erasmus Iberoamericano, un Plan de Empresarios polo galego, ser declarado "Acontecemento de Excepcional Interese Público" e figurar en múltiples iniciativas transversais de ámbitos como a economía, a educación, o turismo e a cultura.

Comentarios