Domingo. 18.02.2018 |
El tiempo
Domingo. 18.02.2018
El tiempo

O caso Helena Maleno

Dedica a súa vida a salvar vidas humanas no Mediterráneo e a garantir o acceso á saúde das persoas migrantes

PERSONAS MIGRANTES son aquelas que elixen trasladarse dun país a outro para veren melloradas as súas vidas, en procura de traballo, educación e saúde para elas e para os seus familiares. Existe, entrou en vigor en 2003, unha Convención da ONU sobre os Dereitos dos Migrantes, un tratado internacional sobre a protección dos dereitos dos traballadores migratorios que fai especial énfase na conexión entre migración e dereitos humanos. Mais con datos do Alto Comisionado de Nacións Unidas para os Refuxiados e segundo estimacións da Organización Internacional para as Migracións, dende o ano 2014 máis de 30.000 persoas migrantes, futuros traballadores migratorios, perderon a vida no Mediterráneo teimando en chegar a Europa, e a cifra non para de aumentar. Xulguen vostedes. ¿Estaremos diante dunha forma de xenocidio ou limpeza étnica dos migrantes, case todos eles subsaharianos? 

Xa hai quen fala do Mediterráneo como unha 'tumba masiva', e entidades como Stop Mare Mortum denuncian e condenan o Xenocidio Migratorio que está convertendo o mar Mediterráneo nun auténtico cemiterio. ¿E que fai a Comisión Europea diante deste verdadeiro drama humano? ¿Está a UE a cumprir a Declaración dos Dereitos Humanos? Dedícanse millóns de euros a sufragar tecnoloxía militar de vixilancia e, pola contra, brillan pola súa ausencia verdadeiras e eficaces medidas destinadas ao salvamento das persoas migrantes no Mediterráneo. 

E chegamos ao caso da activista e defensora dos Dereitos Humanos española, recoñecida internacionalmente, Helena Maleno, recentemente galardoada co 'Premio Derechos Humanos del Consejo General de la Abogacía Española', e tamén recoñecida pola Unión Progresista de Fiscales e polo Instituto Andaluz de la Mujer. Helena Maleno dedica a súa vida a salvar vidas humanas no Mediterráneo e a garantir o acceso á saúde das persoas migrantes. Mais a Unidade de Inmigración da Policía Nacional acusou a esta activista de promover redes de trata de persoas. A Fiscalía arquivou o caso. Porque non hai caso. Mais a tal unidade policial de Inmigración trasladou as súas acusacións á Xustiza marroquina e Helena Maleno tivo que comparecer diante dun xuíz de Tánxer. O mundo ao revés. Mentres tanto acaban de outorgarlle á cooperante o Premio Mundo Negro á Fraternidade 2017. As autoridades españolas deberan tomar cartas no asunto. Para superar mesmo o ridículo da ignominia. 

O caso Helena Maleno
Comentarios