Opinión

Comprometer a vida

'Sonora' é a nova achega de Chus Pato á nosa poesía. Un xigantesco exercicio íntimo que dende a morte da nai se enfronta ao devir do tempo, converténdoo nun fascinante percorrido pola existencia, sempre coa palabra como o compás preciso para tentar alumear no escuro.
Chus Pato na Librería Trama. SEBAS SENANDE
photo_camera Chus Pato na Librería Trama. SEBAS SENANDE
Cada monllo de poemas asinado por Chus Pato convértese en toda unha celebración. Poeta maiúscula das nosas letras, as súas palabras son quen de suturar alí onde semella que todo está perdido. A palabra, sempre a palabra. Aquí convértese en tea para penetrar onde se pensa que xa non hai lugar á esperanza, mais o seu emprego convértese nun reforzo ante o que supón continuar cara adiante, superando eses aneis do inferno que invocara o poeta, ou esas ondas que, cheas de fereza, tentan empurrarnos mar adentro ata engulirnos.

Sonora sae do prelo de Xerais para resignificar o "ruído da orfandade", un estrondo íntimo que precisa tomar corpo a través de toda esta longa secuencia de poemas, de textos en verso e prosa que superan esas nove estacións para achegarse a unha cerna que precisa da súa liberación. Unha poesía que, como o voo dunha bolboreta branca sobre a terra negra, "compromete a vida", tal e como escribe Chus Pato nun poema cheo de estarrecedoras imaxes, de figuracións que aniñan nesa palabra convertida en salvoconduto, e que tanto se precisa para que todo acougue, para domar a dor, para aliviar o camiñar e aos que nos rodean e que forman parte de nós, xustamente aqueles que axudan a que esa palabra estea dotada de sentido.

Ese paso do tempo, xunto ao corpo, as ideas, a luz, a enfermidade ou a natureza, entre outras moitas situacións que aboian neste océano, forman parte da identidade deste conxunto de palabras que se suman arredor desa celebración, dende a ausencia, do que supón todo o compartido, todo o que serviu para ser hoxe a persoa que se é. Unha herdanza que se compuxo co paso do tempo, co aloumiño da outra pel, coas ensinanzas, coas miradas compartidas, co desexo de fornecer unha alianza eterna que é quen de impoñerse ao remate físico.

Poemas que comezaron a escribirse en Guaiaquil, ao pouco do pasamento da nai, prolongándose ao longo de catro anos por distintas xeografías, ata chegar ata aquí, co que iso supón de compañía ao longo do tempo, de parte dunha equipaxe á procura de aliviar a súa carga. Pero para iso ese paso do tempo tiña que actuar, servir de bálsamo para, xunto á palabra, situar todas as pezas de novo no seu lugar. Unha palabra que actúa, daquela, como un compás que sinala a boa dirección. O vagar cara superar unha situación determinada, triste e dura, máis tamén un exercicio de exploración de todo aquilo que deixa esa nova realidade, xa non só no que supón ese final, senón todo o que se amoreou ata chegar aquí. Porque ese aquí é o que realmente ten valor agora mesmo. Cando o bater desas nove ondas supoñía superar unha nova  circunstancia para que das súas escumas emerxan esas palabras que ante nós son os esteos precisos para suxeitar unha existencia na que asomarnos ás distintas etapas dunha vida, a aprendizaxe, o erro e o descubrimento, a emoción, a éxtase e a dor, a complexa alianza co que supón vivir.

De novo Chus Pato volve a facer da súa poesía, dunha identidade nada sinxela para o lector, pero que sempre supón un desafío cheo de beizóns para quen debe medirse ao propio texto para rapidamente deixarse cautivar polo seu contido, por esas veladuras que semellan rodear un propósito que a medida que avanzamos e lle adicamos tempo desvelamos de xeito orgulloso.

Poemas que resistirán ao tempo, quizais ese sexa o seu único propósito ao saber que facilmente sairán gañadores. O bo facer de Chus Pato propón aquí "a posibilidade do astro", ese lóstrego que nos sacude nun momento determinado e que nos fai tan pequenos. "O círculo no pecha, concentra", son as últimas palabras dunha notas da autora que, a piques de rematar o libro, convértense nun cantil que nos leva a repensar todo o lido. A súa función, a súa esexese como cartografía dun relato que a contén, máis tamén nos contén a todos nós, como é quen de facer todo poemario que se teña por bo na súa sempre utilidade como acubillo necesario para, como desta vez, comprometer a vida.

Comentarios