Opinión

Dúas voces viven

Oriana Méndez converte Chairas sucesións nun punto de fricción do sentimento individual fronte ao colectivo, a través do verso e da reivindicación do amor como ámbito de exploración íntimo ata chegar ao acougo desa chaira que é espazo de encontro e resistencia.
Oriana Méndez. AEP
photo_camera Oriana Méndez. AEP

Remata a tamén poeta María do Cebreiro o seu lúcido posfacio contido nestas Chairas sucesións afirmando o moito que precisamos da poesía e do amor. A partir desta afirmación xa podemos debullar o que se contén no novo poemario de Oriana Méndez (Vigo, 1984) na plena confirmación dunha das accións poéticas máis suxerentes dos últimos tempos en Galicia, proposta dende a reivindicación da linguaxe como resistencia e mesmo rebeldía fronte ao adormecemento co que adoita envolvernos unha sociedade chea de intereses, a maior parte deles infamantes coa nosa condición de seres humanos.

Saído do prelo da sempre atenta a audaces propostas editora Chan da Pólvora, este monllo de poesías afronta tamén un xeito de subliñar o eu fronte a ese colectivo e fano dende o que María do Cebreiro sitúa como valores máis que necesarios para atopar un camiño de esperanza ou, cando menos, de solidez ante tanto esmorecer das cousas. Evidentemente o medio é a poesía, pero nesa poesía o amor, o fío establecido por unha parella dende a xestión emocional dese elo íntimo que se enfronta na súa propia significación e configuración á apoteóse do colectivo, vai ser o catalizador de toda esta acción poética que despois de dous anos se publicar volve a poñer ante nós á poeta viguesa.

Nesta concreción que se contén no libro arredor do que supón ese elo entre dúas persoas, prodúcese unha intensificación dos sentimentos que permite abordar unha relación con resto da sociedade moi diferente, que parte da propia descuberta dun mesmo ante esa outra persoa que se converte tamén en parte dun. "Dúas voces viven", é o remate dun poema que a modo de introdución nos presenta ese escenario que se desenvolverá ao longo do libro e polo que tanto a contorna natural como o ámbito urbano, crean diferentes percepcións desa relación que vemos potenciada dende a enorme capacidade de Oriana Méndez para suxerir imaxes fascinantes dende o emprego da linguaxe.

Nesa linguaxe suxeitase a andamiaxe da proposta da poeta á que tamén se refire María do Cebreiro ao afirmar "como Chairas sucesións é quen de lle devolver a linguaxe a súa maxestade e de avivar a vella chama do amor e da poesía". Unhas palabras escintilantes, cheas de connotacións e insinuacións sobre a maneira en que esa paixón, aconteza o que aconteza con ela, convértese nun alicerce infindo fronte á vaporosidade do noso tempo, dunha sociedade consumista e depredadora con calquera connotación sentimental que produza na nosa pel un belisco, algo que nos faga reaccionar fronte esa finitude que nos rodea e que só procura a nosa éxtase capitalista.

Fronte a iso Oriana Méndez procura tamén dende a natureza atopar esa sensación de pureza, de non domesticación fronte á tribo, de aí que polos seus versos asomen diferentes animais, árbores ou mesmo a auga que dotan dunha maior trascendencia ao contido ao vencellar o noso relatorio vital con esa natureza, resistente, e que aínda que cada vez máis magoada por nós mesmos serve todavía para calibrar a importancia e a necesidade dunha terra coa que non adoitamos ser moi xenerosos.

Todo ese simbolismo súmase a diferentes elementos como as máscaras ou os silencios, caras dunha mesma moeda que baixo a conformación do amor procura desa chaira dende a que impoñerse a unha liña do horizonte que, como unha teima da incerteza, amosa ante nós a súa condición de liña final dunha derrota, dunha desesperanza que supoña a nosa capitulación fronte aos intereses creados ao longo de tanto tempo de configuración da nosa sociedade

O encontro na chaira é, daquela, un triunfo, o da poesía e o amor como ferramentas para tentar ordear cada unha das nosas contornas, un compás preciso para que cada un de nós sexamos que de atopar na poesía das cousas unha fonte de inspiración para seguir na loita, mesmo na nosa descuberta fronte ao outro e fronte aos demais, pero sempre sendo nós o eixo sobre o que xirar esa mirada que xorde dun sentimento cheo de arestas ao que non sempre é sinxelo enfrontarse, de aí o valor da poeta, así como para convertelo en gume para o noso tránsito.

Comentarios