Opinión

Novos valores, novas certezas

O histórico certame Novos Valores do Museo de Pontevedra volve a amosar as virtudes dos nosos creadores emerxentes, así como as posibilidades de cara a un futuro artístico cheo de dificultades, pero tamén dunha esperanza reflectida nos traballos seleccionados.
Exposición 'Novos Valores'. J. CERVERA
photo_camera Exposición 'Novos Valores'. J. CERVERA

O claustro do Edificio Sarmiento do Museo de Pontevedra acolle ata o 17 de setembro o traballo dos vinte creadores noveis escollidos para formar parte dunha desas citas clásicas no Museo de Pontevedra, pero tamén unha referencia para a nova creación artística en Galicia nun certame cunha longa traxectoria e que vén a recoller o legado daquelas míticas bolsas de estudios que nos anos 20 levaron a nomes como os de Souto, Maside, Torres, Colmeiro ou Laxeiro a ampliar as súas olladas sobre a arte do momento.

Entre os vinte traballos seleccionados catro deles foron merecedores das catro bolsas para a ampliación de estudos ou para desenvolver proxectos de creación artística. Os nomes dos gañadores son Sandra Barreiro, Antía Iglesias, Andrés Sanjurjo e Lucía Perdiz, e os catro presentaron un conxunto de pezas que realmente nos fan entender as súas futuras traxectorias como cheas de posibilidades, sendo xa certezas sobre o que pode ser desenvolver un traballo artístico. Os catro, ademais, xunto ao resto de artistas, reflicten a diversidade en canto ás linguaxes presentadas que percorren todo o que pode ser a expresión artística, dende a pintura á escultura pasando polo téxtil, o vídeo, a instalación, o debuxo ou a fotografía. Permiten facer unha rápida radiografía de por onde se están movendo as inquedanzas dos creadores máis novos neses diferentes eidos.

Esa diversidade é o primeiro que chama a atención, pero en canto comezamos a percorrer o espazo súmase á calidade xeral das pezas e como unha boa parte delas empregan a arte para reflectir diferentes inquedanzas sobre o que acontece na sociedade. O problema da vivenda, as novas tecnoloxías, a nosa relación coa natureza, os procesos migratorios, as cuestións de xénero, o mundo rural... en definitiva, a arte emprega o seu contexto para alentar o maxín duns artistas que, lonxe de pecharse nos seus estudos, fan da súa contorna o mellor escenario no que atopar a inspiración precisa para os seus traballos.

Se nos detemos máis polo miúdo nas catro obras premiadas atopámonos como Sandra Barreiro emprega na súa peza 1851-1888-1900 como soportes tres panos nos que en cada un deles recupera o ambiente e o que supuxeron as tres grandes exposicións universais de finais do século XIX: Londres, Barcelona e París, nas que o home se enfrontaba a un novo tempo cheo de avances e progresos en diferentes eidos sociais. 

Pola súa banda, Antía Iglesias, dende un traballo que se move no tecnolóxico e mesmo científico, e que visualmente é moi poderoso, permite unha reflexión sobre cómo a investigación do contexto natural pode ser quen de activar unha obra artística. Andrés Sanjurjo, creador do audiovisual Canto custa unha imaxe artella todo un discurso sobre o que hai detrás dunha imaxe, e de cómo os participantes en calquera produción establecen toda unha serie de negociacións na valoración do seu traballo. Lucía Perdiz fai da súa escultura Percorrer, atravesar, andar un discurso cheo de compromiso sobre os contextos migratorios e cómo se poden aproveitar materiais que forman parte deses itinerarios tan complexos e cheos de dureza como ingredientes dunha peza cun valente contido.

En definitiva, estas catro pezas non son máis que a parte dun todo no que moitas outras obras tamén poderían acadar esa consideración, pero das que podemos gozar de igual modo cunha visita que será moi satisfactoria por esa calidade xeral, nas que destaca a intelixencia dos creadores por compoñer unha boa parte de obras sen demasiados alardes materiais e, en moitos casos, traballando con elementos que xorden da sociedade e que atopan outro contexto nunha sala de exposicións. Novos Valores renova desta forma a súa relación co ámbito artístico para achegarnos unha nova fornada de creadores que oxalá dentro de non moito tempo sexan protagonistas da nosa plástica. O certo é que estes primeiros chanzos amosan unha seguridade e firmeza que nos enche de optimismo e mesmo de esperanza.

Comentarios