Opinión

O son da pintura

Expresións cromáticas é a exposición que se amosa no Museo de Pontevedra arredor da pintura de Rafael Úbeda. Unha emocionante conxunción de pinceladas e notas musicais que converte á visita a este espazo en toda unha sinfonía de sensacións para o espírito.
Exposición de Rafael Úbeda
photo_camera Exposición de Rafael Úbeda

Dende os seus noventa anos Rafael Úbeda converte a súa exposición no Museo de Pontevedra nun auténtico desafío a si mesmo e a propia acción pictórica. Despois do primeiro impacto que supón o goce dunha pintura que se relaciona de xeito íntimo e cheo de posibilidades plásticas e expresivas co universo da música, que dende ben novo lle interesou ao pintor pontevedrés, temos un segundo estremecemento cando nos detemos ante os rótulos que titulan as diferentes pezas e observamos como unha boa parte delas pintáronse nos últimos anos. Comprobamos deste xeito como o pintor segue, non só plenamente activo dende a súa creatividade, senón tamén nas súas conquistas formais, nas que segue avanzando nas liñas dunha pintura que activou dende ben cedo as canles de istmos pictóricos como os do cubismo, o expresionismo, aquela abstracción tan singular dalguén tamén apaixoado pola música como Kandinsky ou as deformacións expresivas de Bacon.

A partir destas ringleiras de acción mergullarse na exposición de Rafael Úbeda supón unha completa activación dos sentidos, pasar a formar parte dunha desas composicións musicais que agroman en moitas das súas pinturas, convertendo as pinceladas en notas musicais. Cadros de gran formato altérnanse con outros de menor tamaño, nunha disposición que, máis que a cuestións cronolóxicas, as primeiras pezas son do final dos anos oitenta, atende a unha relación visual entre as pezas –casi medio centenar de obras– a partir dos seus contidos. É, neses contidos, onde Rafael Úbeda amosa todo o seu poder para convocar a diferentes protagonistas, a todo un universo de personaxes e seres que atenden sempre a un senso lúdico da vida, ao gozo que xorde da contemplación e a activación de diferentes emocións que teñen sempre a existencia e as súas posibilidades como cerna. Todos eses ritmos cos que traballa o pintor no interior de cada cadro, esa contorsión expresiva da súa figuración, a representación de obxectos, instrumentos, a incorporación de diferentes texturas e ese ronsel de miradas cos que cada vez se traballa dun xeito máis intenso para facernos partícipes da propia obra a través desa ollada que nos dirixen diferentes personaxes, pois con todo iso Rafael Úbeda o que fai é convocarnos a esa danza matissiana da pintura, a participar dunha alegría da vida que e máis que plausible vindo de quen tras unha longa traxectoria artística podería estar canso pero, ben ao contrario, atopamos a un inagotable traballador da pintura que cada día arrinca a xornada no seu estudio, dándolle voltas ao próximo cadro, a propoñer novas loitas e a procurar novas solucións. E para iso esta exposición é perfecta ao amosar toda unha serie de pezas moi recentes, algunhas mesmo rematadas este ano, nas que atopamos unha maior claridade na representación, con fondos máis despexados e que centran a nosa atención nunha escena na que Rafael Úbeda é quen de condensar toda a potencialidade do cadro, facendo da cor un protagonista de maior relevancia.

Xunto a todas esas pezas, dispostas en dúas salas magníficamente adaptadas a un espazo que o pintor tiña ben analizado, e xunto ao traballo de comisariado de Pilar Corredoira, atopamos tamén varias vitrinas con publicacións adicadas ao pintor, apuntes e un vídeo no que él mesmo explica moito do que foi unha traxectoria chea de peripecias vitais na procura desa pelexa que supón poder facer da pintura un medio de vida que o levou a Madrid contra os desexos familiares nos anos cincuenta.

Setenta anos despois vemos o resultado dese monumental esforzo que supón adicar toda unha vida á pintura e que para o amante desa disciplina artística non deixa de ser toda unha celebración da que participar xunto aos seus músicos, demos, mulleres, aves... en definitiva, un fértil imaxinario artístico que nunca deixa de sorprender, non tanto polo feito, senón polo que se é aínda hoxe capaz de facer, que non é nin máis nin menos que facer soar a súa música, seguir enguedellando música e pintura para alentar a todo un conxunto de notas cromáticas a rodear ao espectador e, como unha sorte de frautista de Hamelín, adentralo en cadansúa escena chea de liberdade, de planos que se enfrontan entre sí para fuxir dunha realidade e xerar outra moito máis xenerosa co que é o pracer da observación e o gozo dos nosos sentidos.

Comentarios