Opinión

O reino da imaxinación

GTB ilustrado amosa, na compostelana fundación Gonzalo Torrente Ballester, a interpretación de diferentes creadores visuais arredor da palabra dun escritor que dotaba a súa narrativa dunha poderosa carga visual que xurdía do seu maxín e fantasía para mudar a realidade.
GTB ilustrado

Ao pé da Berenguela, torre eterna de campá e pedra pola que devecía o escritor ferrolán, a Fundación Gonzalo Torrente Ballester acolle, xunto a numerosos materiais depositados pola familia, converténdose así nun lugar clave para achegarse a súa obra, unha mostra temporal que vén dar inicio ao ano no que se cumpren os 25 do seu pasamento. GTB ilustrado é a confirmación, dende a praxe, das posibilidades que sempre potenciou o autor de Off-side para transformar a súa escrita nunha poderosa ferramenta visual, facendo das súas obras un afouto magma que permite ao lector sentirse dentro dese reino da imaxinación en que se converte a súa longa e brillante traxectoria por esa capacidade de activar imprevisibles imaxes na nosa mente.

Cando ese reino é visitado por diferentes creadores plásticos, ben por participar coas súas ilustracións nalgunha edición ou por propoñer un traballo propio a partir dunha lectura determinada, acontece o que temos ante os nosos ollos cando percorremos a mostra que enche o andar baixo da fundación na rúa do Vilar; isto é, que esa imaxinación se dispara en diferentes direccións prolongando todo aquilo que Torrente Ballester puxo negro sobre branco e que agora toma un corpo físico co que poder establecer non poucas relacións coas lecturas seleccionadas. 

A mostra céntrase en catro obras, pertencentes a tempos diferentes, que permiten tamén esa reflexión arredor de momentos creativos determinados. Compostela (1948), La saga/fuga de JB, (1972), El cuento de sirena (1979) e Doménica (1999). A primeira delas foi ilustrada na súa primeira edición do Ano Santo de 1948 pola artista romanesa María Droc. O libro, en sucesivas edicións mudou o seu título polo de Compostela y su ángel. Perdidas aquelas ilustracións orixinais hoxe amósase unha serie de facísimiles daquelas pezas, completándose coa visión actual que fixo o creador Jesús Pastor, premio Nacional de Grabado.

La saga/fuga de JB, obra de referencia na traxectoria de Torrente Ballester, permite expoñer a prancha orixinal así como a augaforte realizada en 2010 por Julio Zachrisson a partir dunha ilustración feita en 1988 para unha edición da novela. Foi a novela que inspirou a Manuel Quintana Martelo para facer toda unha serie de obras arredor de diferentes motivos extraídos desa obra literaria que se ven tratados dende a vizosa e imaxinativa linguaxe plástica deste artista. Complétase este espazo cunha escultura de Ignacio Basallo sobre os personaxes da obra. Tamén é ben curioso como nesta parada observamos un proceso inverso ao proposto dende o comisariado da mostra, da man da comisaria Teresa Saiz Ocaña, xa que nos atopamos cunha reprodución do cadro Una cidade en la montaña de Francisco de Goya e que cando Torrente Ballester o viu atopou o motivo preciso para que Castroforte del Baralla levitase. «Mira, iso é o que eu necesitaba para esa vila da miña novela, que fose polo aire», deste xeito llo dixo a súa muller, Fernanda, para posteriormente quitarlle unha fotografía ao cadro. Unha imaxe empregada en sucesivas edicións de La saga/fuga de JB nas súas capas.

El cuento de la sirena reeditouse pola editora Ézaro no ano 2010, acompañada por unha serie de ilustracións da man do noso premio Nacional de Cómic, Miguelanxo Prado. Atopamos así reunidas dúas obras de dous dos nosos maiores talentos ao longo da historia da cultura de Galicia, creadores de tempos e linguaxes diferentes, pero que non deixaron nin deixan de abraiarnos cada vez que nos asomamos as súas obras. Aquí, de novo, Miguelanxo Prado amosa toda a súa capacidade para reflectir ese universo acuático que xa tratou en non poucas ocasións e de novo marabillándonos polas súas representacións.

A última obra ilustrada é Doménica, título póstumo de Gonzalo Torrente Ballester e a súa única obra dedicada ao público infantil, aínda que nela podemos atopar elementos do resto da súa literatura, así como a unha protagonista que se rebela fronte a moitos dos elementos clásicos que caracterizan as nenas que protagonizan contos. As delicadas ilustracións de Maravillas Delgado son o complemento perfecto a un texto que, como os anteriores, sae do peche nunhas páxinas para converterse en imaxes suspendidas no aire, como aquela cidade da montaña, que debemos atrapar ao longo da nosa visita.

Comentarios