Blog | La vida en un hilo / A vida nun fío

Sopramos para liberarnos

'Lumes' de Ismael Ramos, editado por Apiario, é unha valente achega ao universo familiar convertida en espazo de resistencia fronta a tolemia do mundo. Unha construcción do familiar desmitificadora do seu poder como clan pero que permite facer da escrita acougo de dor

Táboa Redonda - bombilla

PORQUE AS VIDAS son dor. E esa dor enquístase no tempo formando parte tamén de nós mesmos, aí é onde a escrita, e máis en concreto a poesía, serve de acougo, tamén de acubillo ao eu fronte ao que o tempo fai en todos nós. O corpo como primeira instancia, tamén como última. Ismael Ramos fai deste Lume experiencia do que acontece no interior da súa propia familia. Afouteza de espírito para aliviarse das pantasmas que toda familia vai agochando entre os seus compoñentes.

O poemario, editado por Apiario co agarimo e coidado con que esta colmea adoita traballar, é un exercicio íntimo a cargo de quen se bota á escrita para, ao fin e ao cabo, tentar comprenderse. O ámbito do familiar como radiografía dun mesmo. O espazo xeográfico como hábitat alicerzado na memoria e agora recuperado coma áncora co pasado. Dende ese pasado chega este presente no que Ismael Ramos revélase como un dos nosos poetas con maior enerxía. Esa constelación que escintila na capa deste libro inclúeo a el como un punto de luz máis neste fulgor que se está a vivir na nosa poesía. Novos nomes que medran dun xeito que se adivina ilimitado. Xente que escribe máis que ben e que son capaces de mirar de frente a todo aquilo que os rodea.

Nesa mirada Ismael Ramos lévanos a coñecer o seu universo familiar, a participar del, porque se algo acada coas súas palabras é a implicación do lector naquilo que se está a contar, en boa parte porque todos somos debedores desas situacións que nos sitúan fronte aos nosos propios pasados, fronte a esas mesmas pantasmas que nos rodean a todos. Un lugar que nos afoga en certas situacións pero que ás veces a propia vida vai desafiuzando como nunha descontextualización de nós mesmos. É a familia que as veces se considera nunha posición de privilexio fronte a outras realidades da nosa sociedade, como si ese ámbito fose un espazo inmaculado no que sentirmonos obrigados ao amor ou a complicidade filial. O sangue como unha cadea. E o certo é que as páxinas de Lumes teñen moito de desmitificación dese seo: "O pai constrúese dentro do fillo. En madeira. Despois arde" ou "A enfermidade é unha casa con galerías e teitos altos".

Fronte a iso o que nos queda é o corpo, a última realidade de nós mesmos, a nosa cerna. Alí onde todo se converte en experiencia, o territorio dunha pel en contacto co exterior. "Entón escribir convértese nun acto de resistencia contra todo. Nun acto do corpo", afirma o poeta, porque iso é o que somos, actos do noso corpo. Comportamentos e accións que se reflicten en nós mesmos e alí, nin a familia nin a sociedade intervén. A nosa realidade é nosa, e íntima, e única. E dende aí escribe Ismael Ramos, dende ese eu que mira cara a unha cotorna que se vai quedando atrás, esmorecendo fronte a súa vida por outros vieiros, como as nosas que se van afastando daquelo que nos construiu. Das galiñas na casa das nosas avóas, dos rosarios das mulleres vestidas de loito... sensacións que se meten nun e acompáñante para o resto da túa vida. Espazos en extinción fronte ao universo tecnolóxico, pero do que, unha vez que se viviu, é imposíbel despegarse. Son as feridas sobre ese corpo que arrastra o que pasou como parte dun e adicción capaz de asexar en calquera momento, sen ir máis lonxe, fronte a un folio empregado como expurgo, como acto de resistencia ante os trebóns que xorden cando nos adicamos a mirar cara o noso interior. Soprar para liberarnos. O corpo como fronteira, máis tamén como limiar para enfrontármonos ao exterior. Onde a familia pouco pode dicir, onde somos nós os que, lonxe da tribo, pelexar pola nosa identidade na escuridade: "Quero contemplar a dor de todos eles ao mesmo tempo./ Coma os distintos reflexos da luz sobre unha parede de azulexos./ Coma lumes. Sós e brillantes".

Comentarios