Opinión

O tenso regreso de Castelao

O 28 de xuño de 1984, no mesmo día no que en 1936 se celebrara o plebiscito pola Autonomía de Galicia, con Castelao como un dos seus defensores, os seus restos mortais chegaban a Galicia dende Bos Aires. A cámara de Xan Carballa exerceu de notaria dunha xornada histórica.
 
Chegada dos restos de Castelao /XAN CARBALLA
photo_camera Chegada dos restos de Castelao /XAN CARBALLA

Acolle o Museo de Pontevedra, no edificio que leva o seu nome, unha exposición que reflicte boa parte do acontecido no día en que os restos mortais de Castelao retornaron a Galicia dende a súa marcha ao exilio e o seu pasamento en 1950 na capital arxentina.

As fotografías de Xan Carballa e o comisariado de Enrique Acuña, ambos traballando no xornal A Nosa Terra naqueles días, convértense no mellor compás para entender o que supuxo aquel día e que ás xeracións posteriores xa lle queda moi atrás no tempo. Unha xornada clave no devir histórico dunha terra que ten o de Rianxo como o seu gran pai, o construtor dunha identidade política, social ou artística que amosa a súa poliédrica personalidade e que aquel día acadou unha especial relevancia pola súa importancia como figura irrepetible do nacionalismo galego e que serviu de aglutinador de diferentes tensións que xurdiron tanto nos días previos á súa chegada como aquel mesmo día no que se axitaron diferentes sensibilidades.

Todas elas teñen cabida no excelente repertorio fotográfico escollido para a ocasión e restaurado de maneira deslumbrante polo tamén fotógrafo Xulio Gil, e que vai dende as facianas máis institucionais como as do presidente da Xunta, Gerardo Fernández Albor ou o presidente do Parlamento de Galicia, Antonio Rosón; as de galeguistas históricos como Antón Fraguas, Xaquín Lorenzo ou Francisco Fernández del Riego; académicos como Filgueira Valverde ou Xoán Naya; figuras como as de Xesús Alonso Montero, Ramón Piñeiro ou Xerardo Estévez ou mesmo da igrexa como Torres Queiruga e Rouco Varela... en definitiva, todo un ronsel de rostros que naquel día coincidían arredor do sartego de San Domingos de Bonaval, un dos tres escenarios que se amosan nas fotografías de Xan Carballa.

Ese interior, ao cal só tiveron acceso as representacións máis institucionais e unha familia representada en especial pola súa irmá, Tereixa Castelao, ou Xavier Baltar, presente o día da inauguración desta mostra, complétase con outros dous ambientes. O primeiro deles o exterior do propio Bonaval no que se concentraron centos de persoas para recibir ao mito galeguista, mais tamén para mostrar a raiba polo proceso que supuxo o retorno de Castelao a Galicia, tras unha iniciativa do parlamentario Camilo Nogueira para o regreso dos restos do de Rianxo que repousaban no cemiterio bonaerense da Chacarita, que non foi ben acollida por aqueles que entendían que todo formaba parte dun proceso de apropiación daquela figura simbólica do nacionalismo, precisamente tal e como se amosa nun dos exemplares de A Nosa Terra que se pecha nunha das vitrinas da sala de exposicións, por aqueles «que antes te prohibían agora fanche honras», así como por os que entendían que os seus restos deberían repousar en Rianxo para unha eternidade que o propio Castelao debería ter lugar naquela Pontevedra na que fora tan feliz.

O terceiro escenario, que en realidade é o primeiro, é o aeroporto de Lavacolla a onde chegaron os restos de Castelao nun avión de Iberia. Todo o proceso do seu desembarco, a instalación dun improvisado catafalco, a sinatura da súa irmá para a recepción deses restos, os mariñeiros de Rianxo que foron os primeiros en transportar o seu corpo, e as diferentes autoridades que puideron acceder a ese recibimento protagonizan unhas fotografías nas que sempre está presente unha mestura de emocións polo que supoñían aqueles feitos e pola consciencia de todos sobre a relevancia daquela data.

Aquel día poñíase punto final á peregrinación de Castelao polo mundo, e que nesta exposición tamén ten a súa importancia como necesaria e plausible contextualización para a definición da figura do protagonista e o que significou dende a súa saída daquela España de sangue e terror. O propio Castelao en ilustracións feitas en publicacións como La distancia, ou en estampas do álbum Nós reflicte o que supoñía a emigración para o pobo galego. Aquí as vemos sentindo un estremecemento pola súa habelencia e capacidade de transmitir aqueles sentimentos de distancia e mesmo de derrota. A partir de aquí ábrense diferentes fiestras que permiten seguir o seu rastro polo exterior: Cuba, cunha fermosa estampa xaponesa; Arxentina co manucristo adicado ao seu irmán Bóveda de Co pensamento en Galiza, o que sería Sempre en Galiza, xunto a obxectos persoais; ou a Francia na que estivo como ministro da República e do que aquí se amosa o seu pasaporte diplomático, pechándose coa repercusión da súa morte e o clamor popular, alí e aquí, cunha fermosa poesía de Ramón Cabanillas e as noxentas ordes dadas á prensa sobre cómo tratar a noticia da súa morte na España da ditadura franquista.

Comentarios