Así foi o polémico paso de Abascal por 'El Hormiguero'

Motos y Abascal. EL HORMIGUERO
photo_camera Motos y Abascal. EL HORMIGUERO

O presidente de Vox, Santiago Abascal, reafirmou este xoves a posición do seu partido con respecto ao aborto e insistiu en que suprimiría a actual lei de prazos por promover "unha práctica euxenésica e anticonceptiva". 

"Creo que non se debe acabar coa vida que leva dentro. Hai moitas mulleres que din que o seu corpo é seu, pero o que levan dentro non é o seu corpo", sostivo Abascal nunha entrevista en El Hormiguero de Antena 3, recollida por Europa Press. 

Neste sentido, o líder de Vox rexeitou cualificar o aborto como un asasinato porque non quere "ofender ás persoas que toman esta decisión nunha situación de presión". Iso si, deixou claro que desde a súa formación prefiren que a vida chegue a termo. 

.@Santi_ABASCAL nos propone sus alternativas para Cataluña y su opinión sobre el cambio climático #SantiagoAbascalEH pic.twitter.com/z5ONynw9Aa

— El Hormiguero (@El_Hormiguero) October 10, 2019

A visita de Abascal ao programa de Antena 3 levantou polémica nas redes sociais desde o mesmo día en que se confirmou a súa asistencia. De feito, a etiqueta #BoicotElHormiguero copou o primeiro lugar da rede social Twitter ao longo deste xoves.

ABASCAL CHANCEA SOBRE O BOICOT: "EU SON BO". No segundo e cuarto posto das palabras mais compartidas en Twitter coáronse tamén Abascal e Pablo Motos, o presentador do programa. En total, a presenza do líder de Vox en El Hormiguero xerou máis de 106.000 tweets. 

As propio Motos defendeu ao comezo do magazine a entrevista con Abascal. "Como nós non nos casamos con ninguén, queremos pór a proba a fortaleza das ideas", sinalou, para despois recordar que aceptaron a invitación ao programa "todos" os líderes políticos "menos Pedro Sánchez". 

O líder de Vox chanceou sobre os "ataques" recibidos polo programa e por Motos. "Viña preocupado por ti, polo que van a brearte a partir de agora. Tróuxenche antiflamatorios", díxolle Abascal ao presentador, ao que lle entregou unha tableta de pastillas. 

Ademais deste obsequio, Abascal fíxolle entrega dunha botella de aceite. "Tamén che pode vir ben para os golpes", apuntou, para despois recordar a manifestación que os olivareiros realizaron este mesmo xoves en Madrid.

VETOS. Logo dun inicio relaxado, a entrevista tensouse despois de que Pablo Motos afee ao líder de Vox que negue o acceso aos xornalistas de Onda Cero e da Sexta aos actos do partido. "Eu non vetei a ninguén, só deixei de conceder algunhas entrevistas", defendeu. 

De feito, o propio Abascal recordou a Motos como rexeitou durante a pasada campaña electoral no seu programa. "A ti tampouco cha dei na outra ocasión, porque a miña nai dixo que non fixese o ridículo. Aínda que creo que hoxe non nos está vendo", aseverou. 

O ton foi cambiando cando Motos repasou algúns dos puntos máis "polémicos" da formación, como o aborto, a eutanasia, a inmigración, o colectivo LGTBI ou a exhumación do ditador Francisco Franco. 

Abascal, que se definiu como unha persoa "aberta e tolerante", descartou as acusacións que o tachan de homófobo e sacou unha anécdota a colación. "A única vez que peguei a alguén foi por unha declaración terrible contra os homosexuais", explicou. 

Neste contexto, o presidente de Vox puxo de exemplo a adopción para soster que "é preferible que un neno teña un pai e unha nai" e que estes teñan "preferencias á hora de adoptar". "E se hai un neno que non o quere adoptar ninguén, non teño problema en que o adopten os homosexuais", engadiu. 

Comentarios