A Audiencia Nacional ordena a busca e captura de Valtonyc

O rapeiro marchou de España para evitar o seu ingreso en prisión

Valtonyc. EFE
photo_camera Valtonyc. EFE

A Audiencia Nacional cursou este xoves, a petición da Fiscalía, unha orde nacional, internacional e europea de detención contra o rapeiro Valtonyc, despois de que marchara de España para evitar o seu ingreso en prisión.

Fontes xurídicas informaron de que a sección segunda do Penal tomou esta decisión en consonancia co criterio do ministerio público que, tras coñecer que o rapeiro fuxira, solicitou á Sala que acordase a súa busca e captura.

O obxectivo é que sexa posto a disposición da Audiencia Nacional, tribunal que o condenou a tres anos e medio de prisión por delitos de enaltecemento do terrorismo, inxurias á Coroa e ameazas.

Este xoves termina o prazo de dez días que lle concedeu a Audiencia para o seu ingreso voluntario en prisión despois de que o Tribunal Constitucional rexeitase a súa petición de deixar en suspenso a condena. Pero este mércores coñeceuse que o rapero saíra de España co propósito de eludir a acción da Xustiza.

Horas antes escribiu en Twitter que "desobedecer é lexítimo e obrigación ante este estado fascista". "Mañá (por este xoves) é o día. Mañá (por este xoves) van tombar a porta da miña casa para meterme no cárcere. Por unhas cancións. Mañá (por este xoves) España vai facer o ridículo, unha vez máis. Non llo vou pór tan fácil", difundiu escrito Valtonyc.

Comentarios