A Avogacía do Estado sostén que Franco tería prevaricado se prohibise o 8-M

Pide que se arquive a investigación e rexeita o groso dos informes da Policía Xudicial
José Manuel Franco. EFE
photo_camera José Manuel Franco. EFE

A Avogacía do Estado pediu arquivar a investigación ao redor da autorización da manifestación do 8 de marzo ao estimar que non se atopou "o máis mínimo indicio delituoso" e que o delegado do Goberno en Madrid, José Manuel Franco, actuou correctamente, pois, de prohibir ese evento coa información da que dispuña, tería prevaricado. 

Nun escrito rexistrado no xulgado de instrución número 51 de Madrid e en representación do lucense José Manuel Franco, investigado por presunta prevaricación por permitir a manifestación, a Avogacía volve cargar contra a xuíza e contra os informes da Policía Xudicial, convencida de que se realizou unha investigación prospectiva e de carácter xeral. 

"A instrución tiña por obxecto non investigar indicios de delito, senón atopalos", denuncia a Avogacía, que acusa á xuíza instrutora, Carmen Rodríguez-Medel, de non practicar por si mesma "nin unha soa dilixencia de instrución; todo foi encomendado á Policía Xudicial". 

A maior parte do escrito céntrase precisamente en desmentir o groso dos informes dos axentes, dos que se desprende que o delegado do Goberno en Madrid non debía autorizar a manifestación ante o risco de propagación do coronavirus. Fronte a esa tese, a Avogacía sostén que Franco "actuou correctamente no exercicio das súas competencias e segundo a información dispoñible naquelas datas" e ve "absurdas" as conclusións da Policía Xudicial. 

A Avogacía asegura que se fixo "unha causa xeral" contra a xestión da crise sanitaria do coronavirus

Ao seu xuízo, o delegado do Goberno sería "prevaricador" se prohibise exercer o dereito de manifestación cando, ao mesmo tempo, non había restricións para utilizar o metro, ir ao fútbol ou participar nun mitin de Vox. "Nin as autoridades sanitarias sabían ata o día 9 cal era a situación real en Madrid, o que permitise unha distinta avaliación do risco, canto menos podíao coñecer o señor Franco que non ostenta competencia sanitaria ningunha", recalca. 

Rebate que se ocultase información e recorda que a realidade epidemiolóxica cambiou "drasticamente" o luns 9 de marzo: o número de casos novos creceu un 835% respecto dos incorporados o día 8. "Só pode comprenderse o nesgado, parcial e predeterminado da formulación se incorremos no erro de valorar estes feitos pasados non só cos coñecementos e a experiencia actual tras máis de tres meses de estado de alarma e de xestión diaria desta crise sanitaria", advirte. 

Sobre o informe do Centro Europeo para a Prevención e o Control das Enfermidades (ECDC) do 2 de marzo, base da denuncia contra José Manuel Franco, destaca que a cancelación de eventos masivos nos que non se esperase a asistencia dun número significativo de persoas procedentes de zonas de contaxio non era unha medida recomendada para países na situación epidemiolóxica de España o día 8. Só Italia estaba nese escenario. 

A Avogacía ten claro ademais que se fixo "causa xeral" contra a xestión da crise sanitaria realizada desde o Centro de Coordinación de Alertas e Urxencias, o Ministerio de Sanidade e o Goberno, e afirma que a Policía Xudicial "se extralimitou" ao pedir documentación ao centro que dirixe Fernando Simón sen que llo ordenase a xuíza. 

Comentarios