O candidato de Macron á alcaldía de París retírase tras a difusión dun vídeo sexual

Un artista ruso reivindica a publicación e alega que quería "denunciar a hipocrisía" de Griveaux 
Benjamin Griveaux.EFE
photo_camera Benjamin Griveaux.EFE

Benjamin Griveaux, candidato da República en Marcha (LREM) á alcaldía de París, anunciou este venres a súa retirada a só un mes da cita electoral, por mor da difusión dun vídeo de contido sexual atribuído a quen fose portavoz do Goberno de Emmanuel Macron.

"Desde hai un ano, a miña familia e eu sufrimos declaracións difamatorias, mentiras, rumores, ataques anónimos, revelación de conversacións privadas roubadas e ameazas de morte. Este torrente de lodo afectoume, pero sobre todo molestou a persoas ás que quero", lamenta Griveaux nun vídeo difundido pola cadea BFM TV. 

"Coma se isto non fose suficiente, onte superouse un novo nivel. Un portal de Internet e as redes sociais difundiron ataques innobles que pon en cuestión a miña vida privada", engade o xa excandidato, en alusión ao vídeo que terminou de precipitar a súa caída.

Así e dado que os ataques foron "demasiado lonxe", o exportavoz do Goberno decidiu dar un paso atrás. "Por iso decidín retirar a miña candidatura ás eleccións locais de París", confirmou Griveaux, ungido por Macron tras o pulso interno xurdido no seo da LREM.

Griveaux confía en que a súa saída non prexudique as aspiracións do partido do presidente –"este proxecto vivirá mellor sen min"–, aínda que o certo é que, coas eleccións ao virar a esquina –o 15 e o 22 de marzo–, o LREM ve como se afastan as súas posibilidades de arrebatar ao Partido Socialista (PS) o último gran símbolo que queda.

A actual alcaldesa, Anne Hidalgo, limitouse a tomar "nota" nunha concisa mensaxe da dimisión de Griveaux, aínda que engadiu: "Pido respecto para a vida privada e para as persoas".

UN ARTISTA RUSO REIVINDICA A DIFUSIÓN

O artista ruso Piotr Pavlenski, asilado en Francia, reivindicou en declaracións a Libération a difusión dos documentos atribuídos a Griveaux. Segundo explicou, o vídeo íntimo chegoulle procedente dunha "fonte" que mantivera unha relación consentida co excandidato.

"É alguén que se basea na permanencia dos valores familiares, que di querer ser o alcalde das familias e pon sempre como exemplo á súa muller e aos seus fillos, pero é todo o contrario", asegurou Pavlenski. O artista explicou que quería "denunciar a hipocrisía".

Comentarios