Cando é unha obrigación quedar en casa e non ir ao colexio?

Os médicos recomendan, ante a menor dúbida, evitar o centro e chamar ao pediatra
Inicio del curso. AEP
photo_camera 2020101612580940300

Os médicos recomendan, ante a menor dúbida, evitar o centro e chamar ao pediatra O outono, a baixada das temperaturas, a campaña de gripes, catarros e outros virus... nestas circunstancias, moitos pais enfróntanse a dúbidas sobre cando deben os nenos quedar en casa e cando poden seguir indo con tranquilidade ao colexio. O director asistencial de Atención Primaria, Rafael Sánchez, un dos encargados de impartir as charlas informativas aos responsables covid dos centros escolares repasa aquí algunhas dúbidas frecuentes.

Cando de ningún xeito pode ir un neno ao colexio ou un mozo ao instituto?

Non pode ir cando teña síntomas sospeitosos de covid. "Inclúen a febrícula, a partir de 37,8 graos, ou febre, a partir de 38; tose seca, fatiga, disnea, diarrea, ausencia de olfacto ou de gusto...", explica o doutor Sánchez.

Supón un deles illado, só unha diarrea por exemplo, sospeita de covid?

Non ten por que selo pero, ante a dúbida, aconsella que o neno non vaia ao colexio e se chame ao pediatra para consultalo. Será quen estime se o é ou non e se debe facerse algunha proba. Tamén recorda que se os síntomas son graves, como unha fatiga extrema ou dificultade para respirar debe contactarse co 061

Se o meu fillo ten síntomas e lle van facer unha PCR, pode ir o seu irmán ao cole ou eu a traballar antes de ter o resultado?

O irmán, non debería. Pero os pais si poden ir traballar, gardando todas as medidas de seguridade: uso de máscara, hixiene de mans, distancia...  "O irmán, en realidade, podería ir pero quizais a súa asistencia cause alarma no colexio. Como as PCR fanse agora en 24 horas, sería unha ausencia dun día se resulta ser negativo", di o doutor Sánchez.

Se o meu fillo é contacto estreito dun positivo porque houbo un positivo na súa clase, pode ir o seu irmán ao cole ou eu a traballar?

Si, porque os contactos dun contacto non se confinan.

Podo pedir unha baixa para quedarme co meu fillo, que tivo contacto estreito cun positivo pero que non ten síntomas e cuxa PCR é negativa?

"As baixas danse por un motivo sanitario e ese sería unha cuestión de conciliación familiar. É certo que é un problema para moitas familias que teñen nenos pequenos cuarentenados, non para os illados", explica.

Cal é a diferenza entre cuarentenado e illado? Que implica un e outro?

O cuarentenado é o que debe permanecer en casa por ser contacto estreito dun positivo. O illado é o positivo confirmado. En ambos os casos, en virtude dun recente cambio establecido polo Ministerio, deben permanecer en casa dez días. Ao cuarentenado fáiselle unha PCR o primeiro día e, se é negativa, outra cando desenvolva síntomas e, se non os desenvolve, ao décimo día. Se son negativas ambas pode volver á normalidade. Pero se a do décimo día é positiva empeza a contar de cero e suma outros dez máis. "A maioría das corentenas, sobre o 95% son asintomáticas", recorda Rafael Sánchez. Aos pais dun neno positivo illado dáselle a baixa porque son contactos estreitos dun caso.

Se hai un positivo nunha clase, faise PCR a todos os alumnos desa clase ou non necesariamente?

"Individualízase cada caso sempre. A xefatura territorial de Sanidade é a que establece quen son contactos estreitos dese caso e se é preciso ou non facer un cribado a toda a clase", apunta o director de Atención Primaria. Non se considera automaticamente contactos estreitos dun positivo ao resto de compañeiros, senón que se teñen en conta distintos factores: onde sentan os alumnos, o cumprimento das medidas de protección, as relacións entre eles dentro e fóra da clase...

Se o meu fillo vai a unha clase de Infantil onde todos os alumnos van sen máscara porque a esa idade non é obrigatoria, si se fan PCR a todo o grupo cando se detecta un positivo?

Nese caso, faise a todos os alumnos e ao seu profesor.

Que pasa se o neno presenta síntomas no colexio?

"Lévase ao neno á sala covid, unha estancia ventilada e reservada para eses casos. Cámbiaselle a máscara hixiénica por unha cirúrxica e faise un bo lavado de mans. Avísase aos seus pais para que o vaian a buscar", explica o doutor Sánchez, que puntualiza que son os pais os que deben contactar co pediatra, non o centro. "A idea é que vaian buscar ao neno o antes que lles sexa posible, que xa se deu algún caso no que se lles avisou ás dez da mañá e foron ás cinco", apunta.

Dáse o caso de nenos aos que se fixo varias PCR ou sucesivas corentenas por contactos con positivos, ou sospeita de casos?

"Isto pode darse tanto en nenos como en adultos. De feito en adultos hai moitos casos así", explica o doutor.

Comentarios