Case 180.000 firmas piden unha Selectividade única para toda España 

A conselleira Carmen Pomar aposta por buscar "puntos de encontro" co resto de comunidades autónomas e incluílo no marco do Pacto estatal pola Educación

Probas da Selectividade en Pontevedra. DAVID FREIRE
photo_camera Probas da Selectividade en Pontevedra. DAVID FREIRE

Un grupo de estudantes entregou este luns no rexistro do Ministerio de Educación e Formación Profesional 178.000 firmas recollidas por internet que apoian implantar unha Selectividade para o acceso á universidade única para toda España que evite diferenzas de dificultade entre as comunidades autonómas. 

"Un bo estudante non se mide por un exame que se fai en hora e media, senón por anos de constancia, esforzo e estudo", dixo María Ferrer, estudante alacantina que este ano realizou a Selectividade en Valencia, onde se denunciou a excesiva dificultade no exame de Matemáticas. 

"Queremos loitas para que os próximos anos outros estudantes non teñan que pasar por estas desigualdades entre comunidades autónomas. Este ano pasounos a nós ou a Galicia, pero outros anos ocorreu noutras comunidades. Somos un exemplo de por que é necesario instaurar xa un exame único de Selectividade", engadiu Rubén García, de 18 anos e tamén de Alacante, que acudiu a Madrid para apoiar a entrega de firmas. 

As firmas, recollidas na plataforma dixital Change.org, van dirixidas á ministra de Educación en funcións, Isabel Celaá, e apoian unha petición que tamén realizaron Partido Popular e Cs no Congreso dos Deputados. "Existen diferenzas moi grandes nos temarios que se nos esixen", lamenta o creador da petición, o mozo Roberto Castrillo. 

Castrillo, de 19 anos e estudante de Farmacia e Biotecnoloxía na Universidade Europea de Madrid, explica que creou a campaña de firmas en marzo do ano pasado, cando se preparaba para realizar a Selectividade na súa cidade, León. "Cando fixen a Selectividade, en Castela e León tiñamos máis temario en todas as materias que o resto de comunidades", asegura. 

"O meu obxectivo é que a Selectividade sexa igual porque os estudantes despois podemos acceder a calquera universidade de España, e por iso non deberían existir diferenzas de dificultade", engade este mozo, sinalando que a súa campaña tivo un crecemento nas últimas dúas semanas, cando a Selectividade volveu a levantar polémicas tras casos como o de Valencia. 

A polémica pola dificultade da Selectividade, que finalizou o pasado venres e que este ano realizaron preto de 300.000 estudantes, saltou ao debate político nas últimas semanas. Tamén este pasado venres, a ministra de Educación Celaá dixo que a suposta diferenza de dificultade nos exames de Selectividade "forma parte da natureza humana". 

"Sempre nestas datas se suscita esta cuestión, sempre hai algún exame que se considera que ten un grao de dificultade diferente a outro, pero iso non só ocorre na Selectividade, ocorre na universidade, ocorre entre os centros educativos, e ocorre no interior dun centro educativo entre un profesor e outro que dá a mesma materia. Forma parte da natureza humana", explicou na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros. 

A tamén portavoz do Goberno en funcións recordou que, cando se produza a investidura, o novo Executivo creará un "grupo técnico de traballo e estudo" sobre Selectividade, con representación das universidades, comunidades autónomas e o Ministerio de Educación, para "homologar se cabe as formas de corrección" das probas, onde Celaá admite que existen diferenzas, aínda que a ministra rexeita implantar unha única proba para todas as comunidades autónomas. 

XUNTA. O Goberno galego tamén mostrou a súa disposición a iniciar as conversacións sobre a proba única de selectividade para garantir a igualdade de oportunidades e o mesmo nivel de dificultade entre os diferentes territorios. Para iso, a conselleira do ramo, Carmen Pomar, apostou por buscar "puntos de encontro" co resto de comunidades autónomas e incluílo no marco do Pacto estatal pola Educación. 

Comentarios