Catro detidos polos disturbios de Lavapiés tras a morte dun manteiro

A Policía efectuou os arrestos este xoves, case dous meses logo dos incidentes

Contenedores incendiados en el barrio de Lavapiés. JAVIER LIZÓN (EFE)
photo_camera Contenedores incendiados en el barrio de Lavapiés. JAVIER LIZÓN (EFE)

A Policía Nacional detivo a catro persoas polos disturbios no barrio madrileño de Lavapiés os pasados 15 e 16 de marzo logo da morte dun manteiro, e tras os que se interpuxeron máis de corenta denuncias por danos en mobiliario urbano e en coches estimados en máis de 30.000 euros.

Segundo informou este venres a Xefatura Superior de Policía de Madrid, os arrestos practicáronse o xoves pola tarde durante un operativo no distrito de Centro, e aos detidos, todos senegaleses, impútanselles os delitos de desordes públicas, danos e atentado a axentes da autoridade.

Durante as "graves desordes públicas" varios grupos de persoas provocaron incendios en colectores e papeleiras para formar barricadas e impedir aos axentes acceder ao barrio para garantir a seguridade, e algúns policías resultaron feridos, recordou a Policía.

Numerosos cidadáns senegaleses protestaban pola morte o día 15 pola tarde do seu compatriota Mame Mbaye, debida a un infarto, e vinculábana a unha persecución policial.

Os investigadores da Brigada Provincial de Información cotexaron vídeos tomados durante os disturbios e colgados en redes sociais que lles axudaron a identificar aos autores.

Nos días seguintes aos feitos interpuxéronse máis de 40 denuncias por desfeitas en mobiliario urbano e en bens particulares de veciños, sobre todo coches estacionados na zona, valorados nun total de 30.000 euros.

Nun dos vídeos gravados o día 16 pola noite vese a varias persoas saltando por encima de varios coches e rompendo as súas lúas e espellos retrovisores, e precisamente un dos detidos, que conta con antecedentes policiais, é unha destas persoas.

Outro dos detidos na operación está presuntamente implicado nos altercados ocorridos ese mesmo día pero pola mañá na Praza Nelson Mandela, á que o cónsul de Senegal acudiu para interesarse pos os seus compatriotas, alí concentrados, e foi recibido a berros e con intentos de agresión.

O diplomático tivo que ser escoltado mentres lle tiraban cadeiras e lastros. A operación policial continúa aberta e non se descarta a identificación e detención doutros participantes nos disturbios. 

Comentarios