Charlie Hebdo volve publicar as caricaturas de Mahoma

O semanario satírico difunde, coincidindo co inicio do xuízo, as caricaturas que levaron aos xihadistas a atacar a redacción en 2015
Viñetas de Mahoma incluídas no número de Charlie Hebdo. TWIITER
photo_camera Viñetas de Mahoma incluídas no número de Charlie Hebdo. TWIITER

O semanario satírico Charlie Hebdo volverá publicar este mércores as caricaturas de Mahoma polas que en 2006 se converteu no branco de xihadistas, que finalmente atacaron a redacción en 2015 e acabaron coa vida de 12 persoas, coincidindo co inicio do xuízo este mércores.

As ilustracións aparecerán este mércores, no número desta semana e están dispoñibles na web a partir deste martes ás 12.00 hora local (10.00 GMT).

"Nunca nos dobregaremos. Nunca renunciaremos", escribiu Riss (pseudónimo de Laurent Sourisseau), que sobreviviu ao ataque con graves feridas e hoxe dirixe o semanario, no editorial.

Trátase dunha serie de doce debuxos que foron retomados en 2006 por Charlie Hebdo tras a súa publicación en setembro de 2005 no diario danés Jyllands-Posten. Neles aparece unha caricatura do profeta chorando de xeonllos e coa mensaxe "é duro ser amado por idiotas". Unha ilustración de Cabu, asasinado o atentado do 7 de xaneiro de 2015.

"Todo para isto", leva en portada este número especial dos xuízos, cunha montaxe que inclúe todas os debuxos daquela polémica edición.

A redacción explica no seu interior que desde 2015 pedíronlles a miúdo que inclúan novas caricaturas de Mahoma e sempre se negaron.

"Non porque estea prohibido, a lei autorízanos, senón porque facía falta unha boa razón para facelo, unha razón que teña un sentido e que achegue algo ao debate", sinala a redacción nun artigo dentro de número, que chega mañá aos quioscos.

COMEZA O PROCESO. A razón de peso, cinco anos despois, foi o inicio do proceso contra os supostos cómplices dos terroristas que cometeron os ataques en 2015 contra a revista satírica pero tamén contra o supermercado xudeu Hyper Cacher de París e unha policía municipal ao sur da capital.

En total hai 14 acusados: dez en detención provisional, un en liberdade baixo control xudicial e outros tres, incluída a parella de Coulibaly, Hayat Boumeddiene, en orde de busca e captura, para quen se piden penas que van desde a cadea perpetua ata os 10 e 20 anos de cárcere.

A Xustiza acúsaos de participación nunha organización terrorista criminal e de distinto grao de complicidade, xa sexa na subministración de apoio loxístico, financeiro ou material, como armas ou vehículos.

O xuízo finalizará o 10 de novembro. Ata entón, 49 días de audiencias, con 94 avogados, 144 testemuñas, 90 medios acreditados e 200 partes constituídas como acusación particular.

Comentarios