jueves. 12.12.2019 |
El tiempo
jueves. 12.12.2019
El tiempo

O custo do Cume do Clima será de 50 millóns e retornará uns 200

A ministra de Transición Ecolóxica Teresa Ribera. BALLESTEROS (Efe)
A ministra de Transición Ecolóxica Teresa Ribera. BALLESTEROS (Efe)
Estímase que asistirán unhas 25.000 persoas e que uns 1.500 xornalistas cubrirán o evento

O custo do cume do clima (COP25) que se celebrará en Madrid entre os días 2 e 13 de decembro roldará os 50 millóns de euros - 10 millóns menos do inicialmente previsto-, avanzou este mércores a ministra en funcións para a Transición Ecolóxica, Teresa Ribera.

Ademais, o "retorno" ou a repercusión económica do propio cume ascenderán a 200 millóns, tomando como referencia o impacto da actividade da Institución Feiral de Madrid (Ifema) e os datos de gasto medio por cada visitante internacional a este tipo de eventos.

Teresa Ribera compareceu este mércores xunto á súa homóloga chilena, Carolina Schmidt, nun encontro informativo para avanzar detalles da organización do próximo cume do clima, que organiza España tras a renuncia de Chile por mor da grave crise interna no país.

A ministra española cifrou en 50 millóns o custo do cume –fronte a unha previsión inicial de 60– e subliñou a celeridade con que tivo que traballar o Goberno para habilitar os créditos necesarios para pór en marcha a infraestrutura necesaria nunha cita destas características.

Na actualidade, unhas 1.500 persoas están a traballar nas instalacións do Ifema na montaxe da 25 Conferencia das Partes do Convenio de Cambio Climático da ONU (COP25).

Ademais, segundo datos do Ministerio para a Transición Ecolóxica, unhas 300 persoas serán contratadas por Ifema para dar soporte directo á organización da ONU, e uns 2.000 voluntarios traballarán a diario durante os días que dure o cume.

Á cita está prevista a asistencia dunhas 25.000 persoas, ademais de 1.500 xornalistas, e en total o cume ocuprá sete pavillóns de Ifema que ocupan uns 100.000 metros cadrados, e outros 13.000 metros cadrados de salas de reunións, despachos e centros de convencións.

O custo do Cume do Clima será de 50 millóns e retornará uns 200
Comentarios