Un dirixente de Vox en Murcia chama "p***" e "tiparraca" á ministra Delgado

Juan José Liarte publicou unha mensaxe na súa conta de Facebook con duros ataques á integrante do Goberno

Juan José Liarte. FACEBOOK
photo_camera Juan José Liarte. FACEBOOK

O portavoz de Vox na Asemblea Rexional de Murcia, Juan José Liarte, chamou este domingo "p***" e "tiparraca" á ministra de Xustiza en funcións, Dolores Delgado, por unhas declaracións desta nas que afirmaba que Vox non defende a Constitución.

En concreto, o dirixente de Vox murciano afirmou na súa conta oficial de Facebook que "a tiparraca esta é unha embusteira, e os seus socios filoetarras así o proclaman".

Liarte facía referencia a un tuit do dirixente de EH Bildu Oskar Matute no que recalca que a formación vasca "non avala nin lle gusta a Constitución", en resposta a unhas palabras da ministra nun acto de Nova Economía Forum, onde Delgado apuntaba que tanto o PDeCAT como Bildu e ERC son partidos políticos que "aceptaron a Constitución", pero dicía que Vox "rexeita parte da carta magna".

O político murciano advertiu na súa conta de Facebook que "un inspector de policía ao que coñecín, que ben podería ser un personaxe de Pérez Reverte, pero de feito non o é, xa mo advertiu hai moitos anos: Dunha p*** só podes esperar putadas".

Minutos despois de escribir tales cualificativos, Liarte reafirmouse con outra entrada na súa conta de Facebook na que comentaba que lle estaban chamando varias persoas "protestando porque din que chamei prostituta a unha ministra. Nótase que a comprensión lectora é unha habilidade que xa non se valora tanto no noso sistema educativo".

"Eu non chamei nada á ministra, só dixen que Bildu só pode actuar conforme á súa natureza que é a de non acatar a Constitución e traizoar a quen a acatan", agregaba.

Terminou esta entrada remarcando que o que si dixera "é que a ministra estaba a mentir e insultando a Vox, e as declaracións dos Bildu demostraron que eu dicía a verdade". 

Comentarios