jueves. 26.11.2020 |
El tiempo
jueves. 26.11.2020
El tiempo

Doce detidos e 24 feridos tras unha manifestación contra as restricións en Barcelona

Axentes despregados na zona dos disturbios en Barcelona, onde se queimou mobiliario urbano. EFE
Axentes despregados na zona dos disturbios en Barcelona, onde se queimou mobiliario urbano. EFE
Foron saqueadas dúas tendas e queimouse mobiliario urbano

Doce persoas foron detidas e 24 resultaron feridas, entre elas 17 mossos d'Esquadra, nos violentos incidentes rexistrados na noite deste venres no centro de Barcelona ao termo dunha manifestación contra as novas restricións para frear a propagación da pandemia de covid-19.

Segundo informou a policía catalá, ningún dos 17 axentes dos Mossos feridos sufriu lesións de gravidade. Ademais, durante os altercados quedaron inutilizadas dúas furgonetas das brigadas móbiles (brimo), as forzas antidisturbios dos Mossos d'Esquadra, e outras sufriron múltiples danos, así como tres vehículos da policía catalá e un vehículo e unha moto da Garda Urbana de Barcelona. Así mesmo, saqueáronse dúas tendas.

A praza de Sant Jaume e os seus arredores foron escenario esta noite de enfrontamentos protagonizados por grupos de persoas que, tras unha manifestación negacionista do covid-19, queimaron mobiliario urbano e lanzaron bengalas e valos aos Mossos.

Os Mossos pediron aos cidadáns a través das redes sociais que non se achegasen á praza Sant Jaume e á zona da catedral de Barcelona por mor dos "graves" incidentes. 

Os altercados comezaron tras unha manifestación convocada na praza de Sant Jaume a través das redes sociais contra as medidas aprobadas para poñer freo á pandemia do coronavirus. Varios centos de persoas reuníronse na praza para expresar o seu rexeitamento ao toque de queda e ás medidas acordadas tanto polo Goberno como pola Generalitat, que inclúen o confinamento perimetral de Cataluña durante quince días e, ademais, dos municipios durante os fins de semana.

Doce detidos e 24 feridos tras unha manifestación contra as...
Comentarios