O Estado Islámico reivindica o atentado con 63 mortos nunha voda en Cabul

Nun comunicado difundido na rede social Telegram, o grupo xihadista explicou que primeiro se inmolou un atacante suicida, e posteriormente explotou un coche bomba
Salón no que se celebraba a voda en Cabul. HEDAYATULLAH AMID (EFE)
photo_camera Salón no que se celebraba a voda en Cabul. HEDAYATULLAH AMID (EFE)

O grupo xihadista Estado Islámico (EI) reivindicou este domingo a autoría do atentado suicida que este sábado causou 63 mortos e 182 feridos nun salón de vodas de Cabul, unha acción da que os talibáns xa se desvincularon.

Nun comunicado difundido na rede social Telegram e cuxa veracidade non puido ser comprobada independentemente, o EI explicou que primeiro se inmolou un atacante suicida, identificado como Abu Asem al Pakistani, e posteriormente explotou un coche bomba.

"Cando as forzas de seguridade chegaron ao lugar, os muyahidins fixeron detonar un coche bomba aparcado, o que causou 400 mortos e feridos entre os renegados e os membros apóstatas das tropas afgás", segundo afirmou o grupo.

Detallou que o obxectivo da acción foi "unha gran concentración dos renegados politeístas", en aparente referencia á minoría xiíta do país, a miúdo branco de ataques sectarios dos xihadistas, especialmente a comunidade hazara fiel a esa rama do islam.

Tamén difundiron unha presunta fotografía de Al Pakistani co selo do EI-Khorasan (EI-K, a rama afgá do grupo), na que aparece coa cara cuberta, un chaleco cargado de explosivos e levantando un fusil de asalto.

Este sábado, cara ás 22.40 hora local (18.10 GMT), un atacante suicida fixo detonar os explosivos que portaba nunha sala de vodas na que se congregaban centos de persoas.

O atentado prodúcese mentres se espera que os talibáns e Estados Unidos asinen pronto un acordo de paz, que se podería ver embazado polos constantes ataques do EI-K, xa que este non se adheriría ao pacto.

Desde que irrompeu en Afganistán en 2015 e estableceu o seu bastión na provincia oriental de Nangarhar, as forzas afgás aseveraron en diversas ocasións que acabaran coa presenza do EI no país, pero os xihadistas continúan atribuíndose algúns dos atentados máis sanguentos.