viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

Feijóo aposta por unha "coxestión" de fondos europeos similar ao dos lander alemáns

O Rei, Pedro Sánchez e os presidentes autonómicos, na Conferencia de Presidentes. EFE
O Rei, Pedro Sánchez e os presidentes autonómicos, na Conferencia de Presidentes. EFE

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, apostou este venres por un modelo de "coxestión", entre comunidades autónomas e Goberno central, dos fondos europeos para a reconstrución tras a pandemia que sexa similar ao dos lander alemáns. 

Nunha comparecencia ante os medios tras a Conferencia de Presidentes celebrada este venres en La Rioja, Feijóo apuntou que fará unha valoración máis detallada en setembro, para cando as comunidades foron emprazadas polo presidente do Goberno, Pedro Sánchez, a unha comisión sectorial para abordar o destino dos fondos. 

De acordo co trasladado este venres, estes recursos económicos "van ser tutelados polo Goberno central" e as comunidades pediron unha "descentralización" polo menos parcial, segundo expuxo o presidente galego, quen indicou que este é un dos temas que se debaterán en setembro. 

Sánchez "deixou entrever" que está "disposto a valorar unha cogobernanza" e que o modelo podía ser similar ao dos lander alemáns, segundo sinalou o presidente da Xunta. "A min ese modelo váleme", dixo. En cambio, se é "centralista", oporase "porque España é un Estado descentralizado". 

Feijóo indicou que "boa parte dos presidentes" felicitaron o Goberno central polos resultados da negociación dos fondos europeos. "Se se invisten ben, serán bos para España, pero se se gastan mal, serán aínda peores para España", avisou, e defendeu que deben fomentar o emprego e a competitividade ou se converterán nunha "débeda e un gasto adicional" sen repercusión na mellora económica. 

Esta inxección vén coa "obriga" das comunidades autónomas e do Goberno central de facer investimentos "correctas", engadiu, e pediu tamén aplicar unha "rede de seguridade" para os fondos de cohesión para o período 2021-2027 para manter "polo menos" o "statu quo" de exercicios anteriores nas comunidades autónomas. 

Comunidades á espera das regras fiscais
Alberto Núñez Feijóo subliñou este venres que se xa hai algunha comunidade que coñece as regras fiscais do próximo ano, "o lóxico" é que o resto de presidentes tamén o saiban para que todas as autonomías poidan elaborar os orzamentos de cara a 2021. 

O popular pronunciouse así despois de que o lehendakari en funcións, Iñigo Urkullu, pedise respecto ao marco de relación bilateral entre os gobernos central e vasco e agradecese ao presidente, Pedro Sánchez, o acordo sobre déficit que propiciou que finalmente decidise acudir á cita de La Rioja. 

O presidente da Xunta, pola súa banda, admitiu que el só ten constancia dese acordo bilateral "polos medios" posto que é un asunto que non se comentou no marco da Conferencia de Presidentes. A partir de aí, entende que "se hai xa unhas regras fiscais para unha comunidade autónoma", tamén deberían ser coñecidas polo resto de comunidades porque polo momento os gobernos rexionais están "a cegas" para poder elaborar os orzamentos. 

"Se a previsión é que o Goberno vasco poida superar o 2 por cento de déficit, o lóxico é que o resto de presidentes saibamos tamén cal é a autorización para superar o déficit en 2020", apuntou. 

Feijóo aposta por unha "coxestión" de fondos europeos similar ao...
Comentarios