A Fiscalía pide 7 anos de cárcere para o 'pequeno Nicolás'

Acúsano de facerse pasar como enlace entre Goberno e Casa Real

El Pequeño Nicolás, en los juzgados de Madrid. EFE
photo_camera O Pequeno Nicolás, nos xulgados de Madrid. EFE

A Fiscalía Provincial de Madrid solicita sete anos de prisión para Francisco Nicolás Gómez Iglesias, coñecido como 'pequeno Nicolás', polos delitos usurpación de funcións públicas, falsidade en documento oficial e suborno pasivo, á vez que lle reclama unha multa que rolda os 81.000 euros. 

En concreto, acúsaselle de organizar un xantar cun empresario na localidade galega de Ribadeo ao que acudiu facéndose pasar por enlace entre o Goberno e Casa Real, para o que tivo que falsificar varios documentos oficiais. 

Xunto a el sentarán no banco dos acusados a partir deste luns, 20 de maio, ás 10 horas, o cabo da Policía Nacional, Jorge González Hormigos, e o Policía Municipal de Torrijos (Toledo), Carlos Pérez López-Dávila, para quen se piden cinco anos e medio de prisión a cada un. 

A principios do mes de agosto de 2014, segundo se desprende do escrito de acusación, Gómez Iglesias propuxo organizar unha reunión a un empresario ao que lle fixo crer que actuaba en calidade funcionario público como un enlace entre a Vicepresidencia do Goberno e a Casa Real. 

Logo de varios contactos, o 13 de agosto ambos mantiveron un xantar nun restaurante de Ribadeo ao que, segundo o acusado, "asistiría unha persoa moi importante da Casa Real". 

Para levar a cabo o seu plan Gómez Iglesias contactara previamente con Jorge González Hormigos, un policía nacional destinado no Grupo de Escoltas e Protección, "a quen lle pediu, a cambio dunha gratificación polos seus servizos, que lle proporcionase os medios policiais necesarios para facerse pasar por un cargo público e aparentar carácter oficial ao xantar". 

Mentres, Gómez Iglesias, identificándose sempre como enlace entre Vicepresidencia do Goberno e Casa Real, solicitou á Policía Municipal de Ribadeo que lles acompañase na comitiva, telefonou ao Presidente do Club Náutico para informarlle da visita dunha alta personalidade de Casa Real, contratou o aluguer de catro vehículos cos seus respectivos condutores, reservou tres mesas no restaurante e ata confeccionou nun computador persoal acreditacións do Ministerio do Interior para os vehículos. 

Sobre as 5 horas do 13 de agosto a comitiva partiu desde Madrid na que Jorge González Hormigos e Carlos Pérez López-Dávila se identificaron ao resto do grupo como policías que realizaban labores de escolta a unha autoridade e colocaron acreditacións oficiais do Ministerio do Interior en dous vehículos. 

Xa no restaurante o acusado foi recibido polo alcalde de Ribadeo, a quen tamén se presentou como enlace entre Vicepresidencia do Goberno e Casa Real, e a continuación, deu comezo o xantar co empresario. Ao termo da cita, emprenderon viaxe de regreso a Madrid. 

Comentarios