O Goberno segue sen ter unha data para a exhumación de Franco

Isabel Celaá asegura que esperan levar a cabo a operación "máis pronto que tarde"
Isabel Celáa. BALLESTEROS
photo_camera Isabel Celáa. BALLESTEROS

A ministra portavoz en funcións, Isabel Celaá, afirmou este venres que o Goberno espera poder levar a cabo a exhumación dos restos do ditador Francisco Franco "máis pronto que tarde", pero non puido facilitar aínda unha data. 

Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, sinalou que para iso aínda hai que concluír o expediente administrativo, o cal inclúe "algúns aspectos loxísticos importantes". Segundo dixo, o Goberno tíñao todo preparado para levala a cabo o pasado 10 de xuño pero, unha vez superada esa data —o Tribunal Supremo suspendeu preventivamente a exhumación— agora ten que volver polo en marcha. 

Ademais, recoñeceu que hai que esperar á petición de aclaración da sentenza do Tribunal Supremo que presentou a familia Franco, para o que se reúne a Sección Cuarta da Sala do Contencioso-Administrativo do tribunal o vindeiro martes. 

A portavoz non se pronunciou, no entanto, sobre a causa aínda aberta polo xuíz do Contencioso-Administrativo número 3 de Madrid, José Yusty, que mantén paralizada a licenza de obras. 

Para liquidar os trámites pendentes, a Avogacía do Estado remitiu ao Supremo un escrito no que lle pide que levante a suspensión cautelar da exhumación acordada en xuño e tamén se dirixiu ao xuíz Yusty para que acorde a "terminación" do seu procedemento, unha vez que o Supremo confirmou a legalidade das operacións necesarias para extraer os restos mortais do sepulcro". 

Comentarios