Ingresa en prisión un párroco turolense por acumulación de delitos de tráfico

Está acusado de cinco delitos contra a seguridade viaria, entre outras razóns por conducir baixo os efectos do alcol

Proba de alcoholemia. DP
photo_camera Proba de alcoholemia. DP

A titular do xulgado de instrución de Calamocha (Teruel) ordenou o ingreso en prisión do párroco da localidade turolense Báguena para cumprir unha pena de 6 meses e 20 días de prisión por acumular ata cinco delitos contra a seguridade viaria, entre outras por conducir baixo os efectos do alcol.

Segundo informa o Tribunal Superior de Xustiza de Aragón, das tres condenas que pesan xa sobre o relixioso, a última foi ditada pola instrutora de Calamocha por mor dun accidente sufrido na localidade por presunta condución baixo os efectos do alcol, que supuxo a retirada do seu carné de conducir.

Con anterioridade, o párroco fora condenado en abril de 2018 pola xuíza de Daroca (Zaragoza) por conducir baixo a influencia de bebidas alcohólicas, momento en que a instrutora xa decretou a retirada do seu carné.

En xuño de 2018, o párroco foi detido nun control de alcoholemia en Zaragoza e posto a disposición do xulgado de garda, cuxa titular o condenou polos delitos de condución baixo a influencia de bebidas alcohólicas e co permiso retirado.

Tras a última detención rexistrada, en Calamocha, o fiscal solicitou para o párroco o seu ingreso en prisión por reiteración delituosa, ao cometer 5 delitos contra a seguridade do tráfico en oito meses.

Na súa sentenza, a xuíza de Calamocha establece un prazo de cinco días para que o párroco acuda á prisión de Teruel e faga efectivo o seu ingreso no centro penal.

Transcorrido este prazo de tempo, e ante a non comparecencia do párroco na prisión, a xuíza ordenou a súa detención e traslado ao centro penal, onde ingresou para o cumprimento da pena imposta. 

Comentarios