Interior completa a equiparación salarial de Policía Nacional e Garda Civil

O Consello de Ministros aprobou o pago do terceiro e último tramo do proceso, o que supón un desembolso de 247 millóns de euros
O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, este martes en rolda de prensa. BALLESTEROS (EFE)
photo_camera O ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, este martes en rolda de prensa. BALLESTEROS (EFE)

O Consello de Ministros deu luz verde ao Ministerio do Interior para pagar o terceiro e último tramo do proceso de equiparación salarial dos policías nacionais e gardas civís cos membros das policías autonómicas, o que suporá un desembolso de 247 millóns de euros.

O titular do Interior, Fernando Grande Marlaska, anunciou esta decisión en rolda de prensa na Moncloa antes de confirmar o cesamento de Diego Pérez de los Cobos xefe da Comandancia da Garda Civil en Madrid e a elección do máximo responsable do Servizo de Información da Garda Civil, Pablo Salgas, como novo director adxunto operativo (DAO) do instituto armado.

Desvinculou, con todo, a execución do acordo sobre a equiparación salarial con eses cambios. Así asegurou que era un compromiso do Goberno, negociouse con distintos Ministerios e o asunto abordouse na Comisión Xeral de Secretarios de Estado e Subsecretarios, que o pasado xoves preparou o Consello de Ministros. 

O acordo do Consello, explicou, permite completar o acordo para a equiparación salarial alcanzado en 2018 con sindicatos e asociacións da garda civil e da policía nacional, cuxos membros verán finalmente incrementadas as súas nóminas un 20 % respecto dos salarios que percibían antes do pacto.

Tras facerse efectivos os dous primeiros tramos en 2018 e en 2019, cos 247 millóns de euros habilitados este martes o proceso alcanza os 807 millóns euros fixados no acordo inicial.

A repartición do novo tramo farase efectivo nos próximos meses nas nóminas dos axentes, pero con efectos retroactivos a 1 de xaneiro deste ano.

Segundo apuntou Marlaska, os axentes non pediron este terceiro tramo pola "súa coherencia e solidariedade" nestes meses "difíciles e complexos", pero o Goberno era consciente da necesidade de facer "un esforzo complementario" para executar o compromiso alcanzado en 2018 cunhas forzas de seguridade, cuxo traballo e profesionalidade recoñece a sociedade. 

Comentarios