Irán admite que derrubou por erro o avión ucraíno ao confundilo cun mísil

As Forzas Armadas explicaron que tras as ameazas de Trump "estaban no máis alto nivel de alerta"
Restos do avión ucraíno. EFE
photo_camera Restos do avión ucraíno. EFE

Irán admitiu finalmente este sábado a derriba do avión ucraíno con 176 persoas a bordo e atribuíuno a un "erro humano", ao confundilo cun mísil de cruceiro debido á situación de alerta reinante pola escalada da tensión con Estados Unidos.

O "mea culpa" chegou logo de dúas xornadas nas que as autoridades iranianas negaron a hipótese da derriba, a pesar de que varios países como Canadá xa denunciaran que un mísil terra-aire alcanzou o avión.

As Forzas Armadas recoñeceron que o Boeing 737 de Ukranian International Airlines (UIA), que se estrelou o pasado mércores ao sur de Teherán, foi derrubado "involuntariamente e por un erro humano".

Segundo o comunicado, o fallo debeuse a que o avión, que cubría a ruta Teherán-Kiev, situouse preto dun centro militar da Garda Revolucionaria cunha "altura e unha posición de voo dun obxectivo inimigo".

Pola súa banda, o comandante da Forza Aeroespacial da Garda Revolucionaria, Amir Alí Hayizadeh, asumiu nunha comparecencia televisada a responsabilidade e explicou que o operador do sistema de defensa confundiu o aparello cun "mísil de cruceiro".

"Todo o sistema defensivo estaba no máis alto nivel de alerta (...) e anunciouse mediante o sistema integrado que se lanzaron uns mísiles de cruceiro contra o país. Neses momentos, o sistema enfróntase, a unha distancia de 19 quilómetros, cun obxectivo que se distingue como un mísil de cruceiro", detallou.

Hayizadeh dixo que o operador, antes de disparar, trato de contactar cos seus mandos para obter a aprobación pero o sistema de comunicación dió erro e tomou unha decisión "mala e apresurada" debido á situación de crise.

ACUSACIÓNS CONTRA EE UU. Tanto as Forzas Armadas como a Garda Revolucionaria aludiron a que o erro se produciu por mor da tensión e o estado de alerta no país ante un posible ataque de represalia de EE UU.

Pouco antes da derriba do avión ucraíno, Irán efectuara un ataque con mísiles contra unha base aérea en Iraq que alberga a tropas estadounidenses, en vinganza polo asasinato días antes do xeneral Qasem Soleimaní nun bombardeo selectivo de EE UU en Bagdad.

As Forzas Armadas alegaron que tras as ameazas do presidente estadounidense, Donald Trump, e de representantes dese país no sentido de tomar "como obxectivo unha serie de lugares no territorio da República Islámica no caso de que haxa unha operación recíproca (...) estaban no máis alto nivel de alerta".

O erro estivo motivado polo "aumento sen precedentes dos movementos aéreos na rexión", en especial de voos "de guerra das forzas estadounidenses ao redor do país", agregaron.

Tamén o presidente, Hasan Rohaní, asegurou que "a terrible catástrofe" debeuse en parte ás "ameazas e intimidacións" de EE UU, que levaron ás Forzas Armadas a estar en alerta para defender o país "de posibles ataques do Exército estadounidense".

DEPURACIÓN DE RESPONSABILIDADES.  O líder supremo de Irán, Alí Jameneí, ordenou este sábado ás Forzas Armadas investigar as probables "irregularidades e neglixencias" que provocaron a derriba do avión e tomar "as medidas necesarias para evitar que se repitan tales incidentes".

Pola súa banda, Rohaní subliñou que se necesita máis investigación para identificar todas as causas e raíces desta traxedia e axuizar aos responsables deste erro imperdoable".

O presidente, quen lamentou a morte de tantas "persoas inocentes debido a erros humanos e disparos equivocados", tamén urxiu a revisar as deficiencias dos sistemas de defensa aérea do país. 

No avión de UIA viaxaban 167 pasaxeiros, entre eles 82 iranianos e 63 canadenses, estes últimos na súa maioría con dobre nacionalidade, e nove tripulantes ucraínos.

RABIA E DOR ENTRE A POBLACIÓN. As explicacións das autoridades non acougaron á poboación, que respondeu con mostras de rabia e dor nas redes sociais, onde moitos internautas colgaron unha fotografía en negro.

Os iranianos tamén expresaron os seus fortes críticas contra as autoridades pola derriba coas etiquetas #erro_humano e #compatriota_asasino, en farsi, e por negar durante dous días o ocorrido.

As fotografías dos falecidos circularon así mesmo por Twitter e Instagram, en ocasións con comentarios como "eles mortos por un erro e as súas familias nesa gran dor soportando mentiras". 

En recordo dos falecidos, organizáronse para esta xornada e nos próximos días vixilias con velas en varias universidades de Teherán, xa que entre as vítimas do sinistro había decenas de estudantes.

Comentarios