Jeremy Irons, sobre o Brexit: "Se nun segundo referendo sae si, voume a Irlanda"

"Eu son partidario de que se volva a preguntar", declarou o actor británico, que considera que no primeiro referendo non se informou adecuadamente sobre as consecuencias dunha saída da UE

Jeremy Irons. EFE
photo_camera Jeremy Irons. EFE

O actor británico Jeremy Irons mostrouse este martes favorable a que se faga un segundo referendo sobre o Brexit no seu país para saír da lameira actual e dixo que en caso de gañar de novo o "si", aceptarao e mudarase a Irlanda.

"No primeiro referendo deron mala información, os seus promotores non ilustraron do modo adecuado sobre as consecuencias dunha saída da Unión Europea, e xentes que estaban insatisfeitas coas súas vidas votaron coas tripas", comentou.

"Eu son partidario de que se volva a preguntar, e se sae que si, eu aceptareino, pero a saída sería terrible e eu probablemente mudareime a Irlanda", afirmou nun encontro cun grupo de medios de comunicación.

O oscarizado intérprete, que se atopa en Roma para presentar o documental sobre o Museo do Prado, onde fai de guía polos tesouros e a historia da pinacoteca española, mostrouse moi crítico coa situación que se vive en Gran Bretaña coa negociación do Brexit.

"O meu país aínda está a sufrir a crise, hai menos traballo, etcétera, e xorde o vello mecanismo de culpar ao estranxeiro...E están as actitudes de 'Italia para os italianos' ou 'Gran Bretaña para os británicos' (...), nefastas, perigosas e ridículas", sentenciou.

Segundo Irons, "é profundamente deprimente... a metade da xente, os que votaron a favor do Brexit, queren que as cousas sexan como antes, pero ¿como era antes?".

E parafraseó a Donald Trump: "Make America great again... Pero ¿cando foi grande América?", preguntouse. 

Comentarios